lunes, 20 de diciembre de 2010

Subida a Xiabre



A nosa subida a Xiabre partiu desde Fonte Fría ata Meda, a parte máis alta do monte.
Resultou un día frío no que no primeiro tramo aínda deixouse ver a fermosa vista da ría, dos pobos espallados polo contorno ata onde se podía ver ...e Vilagarcía alí abaixo tan bonita ...e o encoro de Castrogudín brillante coma un espello..
A subida fíxose amena e amigable como sempre charlando con uns e outros, o tempo foi frío e gris pero a amistade quenta moito. O último tramo costou un pouco máis a algúns pola pendiente pronunciada e pola espesa néboa que no deixaba ver o cumio.
Ao chegar arriba foi toda unha sorpresa por coincidir cun grupo de ciclitas que coma nós foi deixar o seu Belén, alí hemanámonos e eramos unha boa recua, compartindo turrón e brindando con cava e sidra.
A baixada camiñouse rápido porque a chuvia apretaba. A maioría do grupo continuo ata Castrogudín e só algúns abandoaron para reencontrarnos todos na comida no Club de Mar, onde rematamos coma sempre con alegría e felicitando o presidente e colaboradores, dende aquí reiteramos a todos eles a nosa felicitación pola súa boa labor desinteresada e o noso agradecemento.
Comunicarvos que a nosa asociación xoga a lotería de Nadal dous décimos, esto é, 40 euros o nº 84.419 do sorteo do 22 de decembro, esperemos ter sorte para axudar as próximas saídas.
Felicidades a todos, boas Festas e Feliz Ano Novo.

viernes, 10 de diciembre de 2010

Subida o monte Xiabre: Belén no cumio

Tras cancelar a saída anterior, teremos a última do ano 2010: a subida a Xiabre, onde levaremos o Belén coma é tradición.
O domingo 19 de decembro partiremos desde a igrexa parroquial de Vilagarcía ás 9.45 nos nosos coches, esta vez non levaremos autobús xa que subiremos desde Castrogudín, cerca do encoro.
A comida será no Club do Mar, e vale 15 euros por persoa, poden ir acompañantes aínda que non veñan a camiñar e o revés os que fagan a ruta pero non queden a comer non teñen que pagar.
Os senderistas que ían vir á ruta cancelada non teñen que aboar o prato desta última comida e devolveráselles a diferenza.
Saúdos a todos, especialmente aos que non poidan vir desta vez, bo Nadal e Boas Festas!!!!
Levade os gorros de Papa Noel coma outros anos.

jueves, 2 de diciembre de 2010

Ribeira Sacra

A saída para o domingo 5 de decembro a Ribeira Sacra queda suspendida polo mal tempo.
Realizarase despois das festas de Nadal, xa no 2011.

Sigue vixente a subida a Xiabre o 19 de decembro, da que daremos máis adiante información..

jueves, 25 de noviembre de 2010

Ribeira Sacra: San Miguel de Rosende

A saída a Ribeira Sacra será o domingo 5 de decembro, partiremos ás 7,30 desde a parroquial de Vilagarcía.
Distancia: 12 kms
Dificultade: Media-baixa
Percorrido: Lineal, de San Miguel de Rosende ata Os Chancís.
Iníciase no torreiro do campo da festa de Rosende e bordea o muro do Pazo Casa Grande de turismo rural.
Pasaremos por Albarán, onde seguiremos un camiño de servizo entre os viñedos de uva mencía, que conduce cara ao val do río Cabe.
Unha pequena derivación conduce ata Areas con construcións moi simples onde algunha hipótese apunta a primitivos moradores anacoretas que buscaron neste recuncho o sosego en contacto coa natureza.
En Portizó e Hortás poderemos contemplar boas mostras de arquitectura tradicional. De novo outra pequena derivación conduce ata a casa de turismo rural "Reitoral de Anllo". Bosques e viñedos ofrecen fermosas panorámicas sobre os vales do Cabe e o Sil. Pasando a ponte do regato de Camilo, encontramos a estrada que baixa ao embarcadoiro dos catamaráns. Un fermoso recuncho onde pasar un rato gozando dunha gran paisaxe.
De volta detendremos en Ourense para acercarnos ata as pozas de auga termal de Outariz,que son gratuitas.
É necesario ir equipados para a ocasión con bañador, chaclas e toalla por se queremos darnos un chapuzón.
O prezo desta saída é de 25 euros.

lunes, 22 de noviembre de 2010

Entrimo



 A ruta por Entrimo foi un paseo precioso por unha paisaxe típicamente outonal, onde desta vez sí puidemos disfrutar dunha chea de cores desde o amarelo aos pardos pasando por tódalas variedades de verdes: un verdadeiro gozo para os amantes da natureza.
O certo é que foi unha xornada variada desde o principio con parada no pobo de Castro Laboreiro, xa coñecido por todos, no que complacímonos cunha variedade exquisita de pasteis, mira que somos larpeiros!! De aí ata o punto de partida, contemplamos as montañas e os vals iluminados, subindo cada vez máis pola estrada para chegar a Entrimo.
O primeiro tramo foi de montaña desnuda, sen árbores, con vexetación escasa pero con grandes penas que formaban curiosos conxuntos. Segundo fomos baixando, atopamos unha paisaxe de monte con carballeiras aos lados dos camiños, eses camiños bordeado con valados de pedras centenarias, que mostran unha Galicia traballada desde séculos en pequenos trozos de terra, cos que os labregos sobrevivían prantando o pacendo o gando. Campos verdes que poñen o contapunto aos pardos e ocres das follas das árbores o dos fentos.
Pasamos por varias aldeas, e na última parte do traiecto chegamos á ribeira do río, un lugar encantado cun olor penetrante a lama e humidade, no que impresiona a forza da auga, que vai cambiando todo, as curvas dos ameneiros coas raices desvíadas, os coios, ata caer en pequenas ferbenzas e volta a discurrir rápida..a agua.
É verdade que choveunos, xa van varias saídas, e que os camiños estaban enchoupados pero aínda así non foi tan mal día como pensabamos á vespera e deixounos para o recordo unha ruta fermosísima que ensinounos unha descoñecida Galicia interior.
Decir que a ruta foi en Galicia pero para chegar ata alí pasamos por Portugal e comimos en Castro Laboreiro un rico bacalao.

domingo, 7 de noviembre de 2010

Entrimo

A próxima saída para o domingo 14 de novembro será a Entrimo.
A hora ven sendo a habitual ás 8.00 da mañá desde a igrexa parroquial.

Percorrido: 12 kms.
Dificultade: media-baixa

Corresponde esta ruta a unha que xa anularamos o ano pasado debido a neve polo que estaría ven levar roupa de abrigo e reposto, e coma sempre bo calzado.

Comeremos desta vez bacalao de aí que o prezo definitivo sexa 25 euros.

jueves, 4 de noviembre de 2010

Folgoso do Courel- Seoane

Aínda que tarde esta ruta ben merece un comentario.
Foi de día e medio: o sábado aproveitámolo en parar en Monforte e ver o colexio e pasear un pouco polo pobo para logo continuar viaxe o Folgoso onde nos repartimos polas habitacións do albergue, cenamos e o domingo fixemos a ruta.

É verdade que o tempo non acompañou o que desmereceu un pouco a paisaxe e a gama de cores do outono que non se podía distinguir con nitidez, perdíanse as tonalidades de verdes e ocres entre a bruma e o brillo da chuvia, a pesar de todos os inconvenientes a ruta foi preciosa e variada, con zonas máis altas nas que contemplabamos as montañas do redor e o río Lor ao lonxe, o mesmo que en outros momentos acompañaríanos moi cerca, houbo tamén tramos de soutos, carballeiras e ribeiras do río, e en todo o traiecto o solo de pizarra que aparecía desnuda, escintilante baixo a auga.

Sorprendeu ver unha Galicia tan pura con tanta riqueza, con tantos castiñeiros e noceiras que deixaban caer os seus froitos polos camiños e corredoiras e as maceiras tan cargadiñas... impresiona camiñar entre tanta variadade de árbores: biduieros, carballos, sobreiras, chopos, faias, piñeiros.. e de arbustos coma o breixo que ía derramando un intenso perfume o rozalos.
Está claro que nestes lugares vívese doutro xeito, a un ritmo máis lento, apegado os cambios de estación, aquí non hai estrés, a xente vive relaxada..unha pena que as aldeas do Courel vaian quedando deshabitadas.

Unha mención especial merece o bar que atopamos pechado "O Pontón" que está en Ferreirós, na mitade do camiño entre Folgoso e Seoane, é un lugar agradable e unha obra de artesanía feita en madeira na que cada cadeira e obxecto é unha peza singular e irrepetible.

A serra de Courel segue sendo un lugar para volver pero mellor con bo tempo.

viernes, 8 de octubre de 2010

Folgoso do Courel - Seoane

A próxima saída é para os días 23 e 24 de outubro. Sairemos o sábado 23 ás 15.00 desde a igrexa parroquial e regresaremos o día seguinte pola tarde noite.
A ruta farémola o domingo 24 desde o Folgoso para chegar a Seoane, así evitaremos unha forte pendiente que será de baixada cara ao río desde a estrada que vai a Seoane.
Percorrido: lineal
Distancia: 12 kms.
Dificultade: media.
Ao principio hai uns 50 ou 100 m. por unha senda estreita con terreo irregular polo que recoméndase levar unhas boas botas. No primeiro tramo bordearemos o monte Traspando e teremos unhas vistas panorámicas do río Lor que discorre máis abaixo e que corre paralelo a nosa ruta e a estrada hacia Seoane. Cando levemos sobre 3kms pasaremos entre os castros de Fouciños e o castro Foz no lugar da Albardaia. Máis adiante veremos unha canle de pizarra, típica construción desta zona que trasvasa a auga dun lado a outro do río para regar os campos, e a ponte Porto que cruza o Lor e chega ata a aldea de Sobredo. Seguindo o camiño pasaremos por unha zona chamada Airiña con montóns de pedras, produto dunha antiga mina de orixe romana, e un treito máis alá, por diante das fontes de Cabanelas e do desvío que leva a ponte de As Arandaínas. Ao chegar o souto de castiñeiros de Os Pedrozos, queda pouco para cruzar o río Ferreirós e a estrada a Seoane e chegarmos a un mesón o lado do río, onde faremos unha paradiña porque é unha auténtica obra de artesanía e un lugar moi acolledor que merece ser visitado. Este sitio é un punto de partida para outras rutas a que leva a Ferreirós de Arriba, a Devesa de Rogueira, a Sobredo, etc...
Cruzaremos a aldea de Ferreirós de Abaixo e regato de Paradela, que ten ao lado a antiga mina de ferro, mineral que se fundía nas ferrerías da aldea. Cando queden máis ou menos 3 kms, contemplaremos o castro Megoxe na ribeira ezquerda do Lor e a Pena do Escribano, onde nos atoparemos un auténtico moradoiro natural, con unha caída de 200 m. sobre o río. O último tramo será atravesar dous bosques de castiñeiros centenarios, chamados o souto de Ferrería Vella e o souto de Vales cruzar novamente unha ponte sobre o río Lor e despois sobre o Moreda e chegar a Ferrería Nova.
A durmida, cena, almorzo e xantar será no albergue do Folgoso do Caurel. O prezo son 40 euros incluído o autobús.
Espéranos unha ruta inolvidable, e máis nesta época do ano.
Importante: levar saco de durmir.

miércoles, 6 de octubre de 2010

Tordoia:sendeiro Santaia-Cabaleiros


A chuvia que empeñouse en acompañarnos en todo o momento, fixo desmerecer a senda por Tordoia que a pesar de todo tivo puntos de interés: o dolmen dos Cabaleiros, e o recorrido en torno o río Pontepedra, pero por aquí pasan outros, o Lengüelle o Tambre, porque ésta zona está bañada por todos eles e aquí nace tamén o Dubra. Un concello con múltiples pistas polas que calquera pódese desorientar con facilidade sobre todo nun día de intensa choiva coma ocurreunos a nós. De aí que o recorrido acortouse e deixamos de ver o cruceiro de Arcai e non chegasemos ve o encoro de Vilagundín. Pero os que quixemos vimos a igrexa de San Estevo. A senda que seguimos foi o PR-89.
Pero todo pesar ten a súa recompensa, e trala molladura cambiarnos de roupa e xa secos, comemos nun lugar estupendo no centro mismo de Tordoia. Zona, restaurante e menú para repetir noutra ocasión con mellor tempo.

martes, 21 de septiembre de 2010

Tordoia:sendeiro Santaia- Cabaleiros

O domingo 3 de outubro sairemos ás 8 da mañá desde a praza de España, igrexia parroquial, para camiñar por unha paisaxe sen grandes desniveis, unha ruta coma a anterior, para ir entrenándonos xa que vimos do descanso estival. A ruta será:

Percorrido: circular.

Distancia: 12 kms.

Dificultade: baixa.

Partiremos de Pontepedra para ir recorrendo un entorno privilixiado. Atoparemos rodeada de bosque a Pedra Longa, pena de grandes proporcións, e máis adiante a ribeira do río Pontevedra ata chegar cerca do encoro de Vilagundín, zona con fauna protexida e de importancia ornitolóxica. A ruta pasa tamén por Arcai, en Gorgullos, onde encontraremos o seu cruceiro e xunto a el un pequeno altar sostido por dous pés, feitos probablemente con antigas aras galaico-romanas e a sinxela igrexia de Santa Susana. En Santivedra teremos unha desviación que nos levará ao ermida e cruceiro de San Estevo onde podremos ver un pozo de auga con teito. Máis adiante temos outra desviación que ascende polo monte Pedroso e poderemos ver o Dolmen dos Cabaleiros. A así chegarmos novamente a Pontepedra, lugar onde comeremos.

lunes, 13 de septiembre de 2010

Laxe- Arou


Esta primeira saída foi unha xornada que serviu para reencontrar á maioría dos amigos, non todos porque notáronse algunhas ausencias.

Foi unha saída refrescante, revitalizante nun día agradable para camiñar. Atopamos un mar, tan diferente aquí, bravo, espumoso, coas ondas achegándose a praia ou chocando nas penas... non deixan de sorprender tanta marabilla, as formas das rochas, os depósitos de coios nas praias, redondos, perfectamente traballados en contraposición coa area branca, lisa, suave que acariña cando escapa das mans...esas praias interminables... a lagoa limpa e tranquila...ese olor intenso a salitre, a mar.. e o son do mar e do vento sempre presentes. Vívese aquí máis que nunca con todos os sentidos.

Nestes lugares todo ten o seu encanto os pobos pequenos, as barcos nos muelles, as esculturas de Man en Camelle ata os recientes paseos marítimos..Laxe, Traba, Camelle, Arou... Foi unha pena marchar, acabar o recorrido e deixar a praia de Arou, pero déixanos esta costa un inesquecible recordo e inmensas gañas de volver.

miércoles, 1 de septiembre de 2010

Laxe-Camelle: Domingo 12 de setembro

Tralo parón do verán iniciamos a tempada 2010-2011 o 12 de setembro ás 8.00 diante da igrexa parroquial cunha fermosa ruta costeira: desde o pobo de Laxe ata o de Camelle.
O percorrido é lineal e todo pola costa cunhas vistas impresionantes, pasaremos por praias e cerquiña da Lagoa de Traba, na que se pode contemplar unha enorme diversidade de aves, ata chegar a Camelle, aínda que se temos tempo podemos continuar ata a praia seguinte(Arou) e rematar cun baño antes de marchar a xantar nun restaurante a 4 kms de Vimianzo xa coñecido por nós noutras saídas.

Percorrido: lineal.
Distancia: en torno os 12 ou 13km.
Dificultade: fácil.
Recomendación: se está bo tempo, podedes levar bañador para darnos un chapuzón. Calzado cómodo, non require un calzado pesado.

O prazo de inscrición ábrese o xoves 2 de setembro, o prezo da saída vale 22 euros e inclúe coma sempre transporte, comida e boa compaña.
Seguramente teremos un día estupendo para reencontrarnos, disfrutar da paisaxe e botar a andar que xa ven sendo tempo.

sábado, 19 de junio de 2010

Camiño de Santiago- 8ª Etapa: San Marcos- Santiago

Xa rematamos o noso particular Camiño Francés segundo o previsto. Fixémolo desde O Cebreiro en total en oito etapas aínda que ben podería ser sete porque esta derradeira case foi un trámite: un día para escoitar a Misa do Peregrino ás 12.00h na catedral, obter previamente o nosa Credencial e unha comida-despedida de curso. Un día de festa.
Chegamos cedo a San Marcos, sería ao redor das 8.15 e atopamos todas as cafeterías pechadas, tivemos que refuxiarnos no bar do hotel Akellarre para cumplir con noso tradicional cafeciño, previo as saídas. Volvemos a pasar frente a capela de S. Marcos e o seu monumento, pero desta non paramos, estaba o lugar moi tranquilo e tan diferente ao final da etapa anterior cheo de xente. Atravesamos entre os pabellóns do monte do Gozo e seguimos adiante pasamos por San Lázaro, e moi cerca da Área Central, cruzamos a Avenida de Lugo e metémonos en Concheiros para baixar pola rúa de San Pedro, xa máis animada e entrar no casco antigo pola porta do Camiño, seguimos pola rúa das Casas Reais e atopamos axiña a praza de Cervantes e uns pasos máis xa estabamos todo xuntos ante a catedral na porta de Azabachería para pasar á praza da Quintana onde a xente agardaba xa na cola para gañar o xubileo entrando pola Porta Santa.
En praza de Praterías fixemos a nosa foto de grupo, todos coas nosas camisetas verdes, e de seguido a esperar turno diante á Casa do Deán, na que se atopa a Oficina do Peregrino, na entrada impresiona ver unha morea de paos que deixan os peregrinos ao final do seu recorrido. Con humor esperamos pacientemente o noso turno para recoller a nosa Compostelana. Aquí algún de nós tivo que aguantar certas suspicacias dos que estaban tralo mostrador referente os selos das nosas credenciais porque eran moitos deles de bares en lugar de capelas ou albergues ao que se lles aclarou que entre as dificuldades do Camiño unha delas era atopar as igrexas abertas para selar, pois só o fan na hora de culto; por riba diso algúns albergues privados non selan tampouco se non fas pousada, como é o noso caso.
A pesares destes incidentes todos saímos coa nosa Compostelana, e pasamos a entrar a catedral. Dende aquí agradecer a Mª José polo bo acerto ao coller unha entrada de grupo para "Cen Pés"que permitiunos entrar á catedral pola porta de Azabacherías sen esperar.
Escoitamos a Misa do Peregrino e o órgano tocado uns momentos por Galván. Un momento emotivo foi escoitar o nome de "Cen Pés" como un máis entre tantos peregrinos vidos de moitísimos sitios nos minutos previos a Misa, aínda que como anécdota dicir que o sacerdote trabucouse e chamounos "Con Pés", o que motivou algún sorriso. Case ao final da ceremonia todos poidemos contemplan do voo do botafumeiro.
Xa en Cuntis, disfrutamos unha riquísima comida trala que veu a música e a troula. Un día marabilloso que compartimos a gusto e que pechou o curso 2009-2010 de noso senderismo.
Para setembro xa comezaremos con novas saídas e reencontraremos tralo descanso estival.
Saúdos a todos e bo verán.

miércoles, 9 de junio de 2010

Camiño de Santiago-8ª Etapa: San Marcos- Santiago de Compostela

Saíremos ás 7.30 da mañá do domingo 13 de xuño, desde a igrexa parroquial.
Distancia: 5 kms.
Sairemos desde San Marcos para percorrer o pouco que nos queda ata chegar a Santiago, onde recollermos a nosa Compostelana, entraremos pola Porta Santa e os que queiran poden escoitar a misa do peregrino e ver voar o botafumeiro. Alfonso Galván un compoñente de Cen Pés, tocará o órgano da catedral nesta celebración.
Recordamos que esta ocasión levemos todos a camiseta con noso logo.
O remate será unha comida en Cuntis, no restaurante Conde no que Carmiña cociñaranos o mellores pratos da súa gastronomía, desde aquí despiremos o curso 2009-2010 ata o mes de setembro que reanudaremos as nosas andainas.

sábado, 5 de junio de 2010

Camiño de Santiago-7ª Etapa:Calle- San Marcos



Como penúltima etapa, esta foi decantándose pouco a pouco nos noso pés e no noso ánimo. Andamos en xeral máis lentos e espallados do que é habitual, cada un foi ao seu aire. Tal vez polo tempo, a calor ía apretando segundo discurría a mañá, e pesaba nas pernas, ou tal vez por ese íntimo desexo de vivir o que quedaba de camiño dun xeito máis persoal, disfrutando, contemplando, charlando con calma que xa pouco quedaba ...
O certo é que o Camiño da para moito, para sorprenderse pola cantidade de xente de todas partes que o fan, desta a cantidade de ciclitas que atopamos. Peregrinos de tan variadas procedencias, desta vez atopamos australianos e estadounidenses, peregrinos de todas as idades, maiores e novos. Da para meditar, para ir reflexionando sobre as nosos comportamentos e prioridades, para facer amigos ou ir coñecendo aínda máis aos que nos acompañan, para disfrutar da nosa natureza, da sensación de liberdade e paz que nos aporta, para vivir a relixiosidade...
O Camiño está vivo, é unha vía aberta diferente as estradas e autopistas, a velocidade, vai por outra senda na que os horarios, as rutinas e valores cotidiáns xa non teñen importancias. O tempo ten a cadencia dos teus pasos e os pensamentos aclimántanse o seu ritmo guiados por unha natureza, unha paisaxe maravillosas e unha xente tan variada.
Xa sabemos que no todo é ideal, que quedan cousas por arranxar coma a falta de a carteis que lle indique o peregrino o lugar e aldea na que vai entrar ou o feísmo nas construcións e no cableado que estragan calquera fermosa fachada ou a necesidade de máis plazas nos albergues para que o camiñante non caiga no estrés, na rutina de horarios da que ía escapando, ou a perda de carballos e castiñeiros segundo íamos avanzando a Santiago...
O Camiño hai que facelo con calma, disfrutando de todo o que nos ofrece, sen a necesidade de que o que nos mova sexa unha relixiosidade cristián senón simplemente un profundo humanismo. Así é como da tempo de falar con uns, tomar una cervecilla con outros e ata compartir unhas riquísimas fresas silvetres atopadas polo camiño.



martes, 25 de mayo de 2010

Camiño de Santiago-7ª Etapa: Calle-Lavacolla

Penúltimo tramo do Camiño de Santiago que pode ser ata Lavacolla ou ata o monte do Gozo segundo nos atopemos de forzas.

Saída, día 30 de maio desde a igrexa parroquial de Vilagarcía como é habitual pero ás 7.30.

Percorrido: 21.3 kms ata Lavacolla, ata San Marcos 5.2 máis.

Dificultade: sencilla despois de todo o andado, algunha subida ao chegar o pobo de Empalme e O Perdrouzo e se cabe algunha máis.

Tras saír de Calle, marcharemos non lexos da estrada N-547 e pasaremos polas aldeas de Boavista e Salceda, encontraremos máis adiante o monumento ao peregrino Guillermo Watt, que morreu tan preto de Santiago. Estaremos en todo momento moi cerca da estrada xeral a Santiago e a cruzaremos diferentes lugares como Xen e Ras, aquí o camiño se xunta co que ven do norte polo que atoparemos máis peregrinos. Logo pasaremos preto de A Rabiña e O Empalme, onde evitaremos un perigoso cruce pasando por un túnel, así chegaremos a Santa Irene que está nun alto, unha aldeíña que ten capela, albergue privado e público e unha fonte barroca de auga sanadora para a pel e as espullas.

Seguiremos o camiño baixo eucaliptos e algunha que outra carballeira, cada vez menos presentes. Pasaremos por diferentes pobos:Astrar, Rúa, Arca, Pedrouzo que ten albergue en OPino, antes de chegar a San Antón atoparemos un bar e un complexo deportivo con pistas, despois deste sequiremos por senda forestal cruzaremos Amenal e Cimadevila entrando no concello de Santiago e bordenado o perímetro do aeroporto, só queda camiñar un pouco para chegar o pobo da Lavacolla.

jueves, 20 de mayo de 2010

Parque natural de Somiedo:comentario




Magnífica, unha saída estupenda.
É verdade que en esto do viaxar, non hai nada mellor que deixarse levar.
Antes visitamos Veigas e coñecimos de primeira man que antes tamén había cabañas de ricos e de pobres. Así é como no primeiro día en lugar de facer a ruta polos lagos de Saliencia, tivemos que limitarnos a chegar ao pobo, comer alí e ver os picos nevados ao lonxe, porque era imposible subir ata alá arriba; aínda que fora un día ben soleado, a estrada estaba tan chea de neve que ni os coches particulares podía subir. A cambio de eso tivemos unha comida entretida cunha cabra domesticada que buscaba os aloumiños de todo o mundo e unha ruta singular e imprevista pola górgola de Arbeyales.
Ruta, que tamén podía facerse lineal desde Saliencia, pero que nos fixemos circular, subindo desde o pobo de Arbeyales pola foz do Güérgola, tan empinada que fixo desistir a algúns só en pensar en ter que baixar, pero ao ir subindo o solo mollado e difícil foi mellorando, non o desnivel que era moi forte pero que os pouco íbase levando, así contemplamos as brañas de Murias case de frente no alto da ladera e para chegar máis arriba as de Urdiales, con gran sorpresa porque no ascenso non se delatan e de repente aparecen impresionantes cos montes nevados o fondo e un inmenso prado verde.
Alí atopamos o noso Guía, un homíño de 89 anos, coa súa gorra, a súa bolsa e a súas botas de goma de cana alta(aquí nada de goretex) que ofreceuse a levarnos por outro lado, un descenso máis levadeiro inda que un pouco complicado para os que sofren de vértigo. Un asturiano, exemplo do que da esta terra en nobreza e bizarría.
Chegamos a Pola de Somiedo, un pobo un tanto "pantasma" polo dehabitado, aquí distribuímos nos hoteis e para logo escanciar algunha sidrina, momento no que enterámonos que Somiedo é comarca de gando vacún dedicado a carne non os queixos.
No segundo día, comezamos a ruta en Llamardal para ir ascendendo pola aba do monte Gúa, dende alí contemplábase todo o val e a sinuosa estrada, para chegarmos ás brañas de Munián, aldeiña de casucas que entre os seus camiños, e de palloza en palloza trasportounos a un tempo pasado, tan vello coma sacrificado, que hoxe disfrutamos como algo fermoso.
Pasamos polo maravilloso bosque de faias seguindo sempre o camiño sen desviarse, porque é zona restrixida e respetuosa coa fauna e flora. Concluímos o percorrido ó chegara a coto de Buenamadre, aínda que a maioría de nos continuou andando e tomando a estrada que baixa ata Pola de Somiedo, onde esperaba outra sidrina e o xantar.
A foto final do grupo final truxo un pequeno poblema coa caída de Haydeé, que está ben, mais fixo que retrasase un pouco o regreso, polo que dende aquí as irmás Estévez pedimos desculpas a todos.
Quedan para outra saída os prometidos lagos de Saliencia.
Asturias, un lugar o que volver.

martes, 11 de mayo de 2010

Parque natural de Somiedo

Esta saída realizarémola nos días 16 e 17 de maio. A partida será o domingo 16 ás 7.00 da mañá desde a igrexa parroquial.
Recomedacións: bo calzado, sobre todo para o segundo día, roupa polivalente que serva para frío e a chuvia, non sabemos que metereoloxía atoparemos eses días. Para o primeiro día hai que levar comida.
Domingo 16
Ruta dos lagos de Saliencia: seguindo a estrada ao lado do río Saliencia e pasando polo pobo de mesmo nome, o autobús subiranos ata o alto da Farrapona. Desde aí comezaremos o percorrido bordando os lagos da Cueva, Cerveiriz, o Calabazosa, a logoa da Mina e incluso o que está máis lonxe, o Lago do Valle, para dar a volta e volver a coller o autobús no mesmo punto. Os kilometros e o itinerario depende da disposición persoal. Comeremos nesta zona e pola tarde acercarnos a Pola de Somiedo onde cenaremos e teremos aloxamento no hotel "Castillo del Alba".
Luns 17
Ruta de A braña de Munián: unha ruta lineal.
Distancia: 6.5 km
Duración: 2 h. e 15m.
Desnivel:170 m
Itinerario: O Llamardal, Canto La Mostallal, Munián, O Coto de Buenamadre.
Despois do almorzo, acercarémonos no autobús pola estrada que leva ao Porto de Somiedo e a Babia, desvíandonos ata a braña de Llamardal, da que sairemos. Cruzando a aldea, ascenderemos pola ladera da Peña Gúa, para saír a unha zona de prados. Continuando a senda, chegaremos a fonte do Cañu xa en Munián, onde veremos as "olleras", construcións para conservar o leite grazas o paso da auga corrente. É imprescindible contemplar o conxunto: as cabañas de tellado de palla, o Picu'l Mocosu, a Sierra'l Páramu e doutro lado o val do río Somiedo. Descenderemos polo "hayedo de La Enraimada", lugar de uso restrixido, e chegaremos ao Coto de Buenamadre, aldea rodeada de prados. Despois tornaremos a Pola de Somiedo para a comida.
A ida ou a volta pararemos en Pedrafita para recoller os queixos do Cebreiro que quedaron encargados. As persoas que queiran poden aínda pedilos chamando a Paco, Manolo ou Lelo.
O Parque Natural de Somiedo, situado nas montañas asturianas no sector centro-occidental. Conta con 29.164 hetáreas de extensión, unha poboación de 1600 habitantes repartidos en 38 pobos. Está declarado "parque natural" desde 1988 e "Reserva da Biosfera" desde 2000 pola biodiversidade e riqueza na flora, fauna e cultura, onde podemos atopar os lagos de orixe glacial, as altas montañas, os vales profundos o enorme respeto pola natureza que mostra o uso dos prados e das brañas. Para máis información recomendamos a web do parque natural:

lunes, 10 de mayo de 2010

Camiño de Santiago-6ª Etapa:Melide-Calle



O noso Cen pés desta vez foi un pouco "coxo" porque notáronse moitas ausencias...fomos 39, é dicir, 78 pés cubertos con capas multicolores que abaneaban co vento, a chuvia e de cando en vez algún raíño de sol, todo un luxo cando aparecía..
Pero non nos queixemos tanto que pese a chuvia, a etapa deixouse traballar dignamente con algunha subida, é certo, pero que indo a modo non supuxo problemas para ninguén.
Os campos e as carballeiras estaban inmensamente verdes, tanto que sorprendían, exaltaban os sentidos e facían olvidar a auga intermitente.. e ante os noso ollos este color apenas desapareceu para deixar ver algunha tonalidade máis intensa de aqueles pinos tan ben alineados ou aqueloutros eucaliptos que entremedias e ao lonxe ata quedaban ben na paisaxe..
Esa paisaxe que vai cambiando, pouco a pouco, para máis "civilizada": as aldeas van aparecendo máis cuidadas, e mellor restauradas, as casas ata teñen o seu xardín e non só a horta plantada para o autoconsumo; agora abunda a preocupación estética, cousa que escaseaba no medio das aldeas lucenses abandoadas e perdidas no tempo, tocadas con ese aire de miseria que deixa a mistura da digna pedra e madeira coa uralita e o ladrillo visto.
E unhas cousas vai cambiando... como o lugar de Ribadiso, co bar e albergue moi ben restaurado respetando o entorno do río Iso, onde case todos fixemos unha paradiña. E outras permanecen, para ben a maioría das veces...e así se sente ao ver os prados peinados, os labradíos, as vacas pacendo, as preciosas carballeiras, os camiños estreitos, e as sombrías congostras que nos deixan ver non só as raíces das árbores, senón a nosa terra por dentro..todo un símil no que meditar.

miércoles, 5 de mayo de 2010

Camiño de Santiago-6ª Etapa: Melide- Salceda

Etapa para o póximo domingo 9 de maio. Saída desde a igrexa parroquial ás 8.00.

Percorrido: 24 km

Dificultade: como ata agora con subidas e baixadas non moi acusadas.

O Tramo de Melide a Boente está descrito na anterior entrada, na etapa 5ª.

Trala igrexa de Santiago de Boente baixaremos hacia o río do mesmo nome, chegaremos o lugar de Punta Brea pasando antes por un túnel para salva a N-457, ascenderemos máis alá ata Penalada onde podemos coller auga na súa fonte. Seguindo por praderías e campos de cultivos chegamos a Castañeda(7,9 km), lugar onde están os fornos de cal nos que os peregrinos deixaban a pedra que cargaba desde Triacastela.

Por pista asfaltada avanzamos hacia Pedrido e Río, antes de chegar veremos en panorámica os pazos de Pumar co seu gran hórreo e máis adiante o pazo neoclásico de Sedor. Atravesaremos o couto de Doroña e por camiños veciñais accedemos o val do Iso así chegaremos a Ribadiso, cruzaremos unha ponte medieval e atoparemos o que foi o hospital de peregrinos e hoxe está restaurado como albergue(11 km). Xa quedan só 3 km para chegar a Arzúa onde hai na entrada varios albergues privados, máis ao centro está o público. Entraremos a Arzúa pola avenida de Lugo, e na altura do monumento o peregrino colleremos a rúa do Camiño de Santiago que se prolonga no Carmo, atoparemos a capela da Madalena, e a de Santiago, seguiremos por esta rúa con sopotais e casas revestidas de madeira e pedra. Logo baixaremos a fonte dos Franceses, cruzaremos o río Vello e chegaremos de seguido as Barrosas e a capela de San Lázaro. Entre prados e carballeiras abandoamos Arzúa, e subiremos a Preguntoño con ermita a San Paio do s. XVIII.

A partir de agora cada vez é máis frecuente a presencia dos eucaliptos e menos carballos, pasaremos de aldea en aldea rodeadas de prados, así atoparemos A Peroxa e Taberna Vella, para máis alá Calzada que é a última aldea da parroquia de Burres do concello de Arzúa. De aquí entramos no concello de O Pino, xa preto a Santiago, pola aldea de Calle, que ten bó hórreo e cruzaremos o río Langüello que ten lavadoiro. Seguiremos por pistas ata chegar a Boavista e a Salceda.

jueves, 29 de abril de 2010

Camiño de Santiago-5ªEtapa:Palas de Rei- Melide


Xornada estupenda dende calquera punto de vista: un tempo estupendo, unha paisaxe magnífica, e un bo polbo en Melide.

Atopamos de todo polo Camiño: uns prados verdes como nunca, unhas carballeiras de ensoño recubertas de musgo que empezan a reverdecer coa intensidade do comezo da primavera, a lagoa de Lagúa, un humedal no que non paraban de cantar as rás, as dúas pontes romanas moi bonitas, a de Furelos a máis grande, e esas pontellas que sempre fan dun paso sobre o río, unha experiencia inigualable, onde parece que te sumerxes noutro espazo; tamén a cantidade de hórreos e os cabazos, que non coñecía, e as igrexas, a máis bonitas a de Leboreiro, as aldeas que desta estaban mellor conservadas.
Aínda quedaron moitas máis vivencia, os animais do camiño unha preciosa gatiña que saínos ao encontro, pedindo caricias ou o rabaño de rubias galegas cos seus terneiros que seguían noso paso, ah!! e a gaiola cuns paxariños que confúndense cos periquitos e entre todo esto... o abrumador peregrinar de tanta xente, dignos de admiración foi o grupo de rapaces canarios que ían cargadísmos coas súas mochilas, ou aqueloutro que levaban un neno no seu carriño... e sempre con nós acompañando os cantos do paxariños, do cuco, da pega, e o son da auga nos regatos...

Unha etapa para o recordo, unha das máis impresionantes...

miércoles, 14 de abril de 2010

Camiño de Santiago-5ªEtapa:Palas de Rei-Boente

Esta etapa andarémola o domingo 25 de abril. A saída coma sempre dende a igrexia parroquial de Vilagarcía ás 8.00.

Percorrido: 20.5km. De Palas de Rei a Boente. Desde Lestedo serán 4 km máis.

Dificultade: segue o camiño como ata agora, un continuo subir e baixar pero sen grandes costas.

Sen deixar de selar a nosa credencial na igrexa parroquial que conserva a porta románica do século XII, comezaremos o camiño baixando cara o río Roxán que teremos que cruzarlo para subir dúas aldeas, "Aldea de Riba" e "Gaiola de Riba", logo atravesaremos la estrada N-547, e seguiremos por un pasadoiro arborado que normalmente está enlamado, a poza de Lagúa, que ten a lenda dunha vila asolagada na que de cando en vez óese o canto do galo. Proseguiremos ata San Xulián do Camiño, un interesante conxunto con casarío en torno a igrexa románica, os hórreos, a fonte e mailo cruceiro. Por pista asfaltada entre agras acercarémonos a Pallota e descenderemos por unha corredoira empedrada ata o río Pambre para chegar loga a Ponte Campaña (4,5 km). Indo cara á aldea de Casanova atravesaremos un dos mellores tramos do Camiño, unha frondosa e máxica carballeira rodeada de rochas. Deixando a pista, baixaremos ao rego de Vilar en Porto dos Bois, onde en 1371 guerrearon un Trastamara cun conde de Lemos(zona que é probable que estea bastante enlamada), logo en costa subiremos ata a última aldea lucense da parroquia de Mato, Campanilla (8 km). E de aí a Coto, primeiro núcleo coruñés do concello de Melide onde hai dous bares, restaurante e casa de turismo rural.
Descendendo entramos en Leboreiro polo que antigamente foi unha calzada romana, veremos un cabazo(canasto enorme que coma os hórreos utilízanse para gardar o millo), a igrexa de Sta María do s.XIII. Cruzaremos o río Seco por unha fermosa ponte medieval (9.5 km) e pasaremos por Disicabo e unha gándara ao lado da N-547 para entrar polo grotesco polígono industrial da Madalena ou da Gándara (11 km). Baixaremos ata o río Furelos, afluente do Ulla e o cruzaremos máis aló por outra ponte medieval de catro arcos para entrar en de S.Xoán de Furelos, máis adiante entraremos en Melide. Un bo lugar para comer ou repoñer forzar, xa que ten moitos servizos.
De Melide, que xa coñecemos, destacar a capela de S. Roque do s.XIII cun cruceiro dos máis vellos de Galicia do s.XIV, a fonte dos Leóns de catro canos, o casco antigo coa praza do convento onde están a igrexa de San Antón, o Museo de Melide, antigo hospital de peregrinos, a casa do concello do s. XVIII e o convento del Sancti Spiritus.
Sairemos de Melide pola rúa de S.Antón e a rúa Principal. Cruzando a N-547, nos acercaremos por unha pista para ver o templo románico do s.XII de Santa María de Melide rodeado de casas. Por camiño de grava chegaremos ata o rego de S. Lázaro e tras cruzalo pasamos por Carballal, descendendo atopamos un eucaliptal e pasaremos pola pontella do regueiro de Catasol, lugar moi bonito entre carballos e ameneiros, asi chegaremos a Raidos ao lado da estrada, pero aínda queda pasar por Parabispo(18,7 km), cruzalo rego de Valverde e a Peroxa que din que ten unha fonte ben milagreira, así chegaremos a Boente onde quizais poidamos selar a nosa credencial na igrexa de Santiago.
Recomendamos botas se chovese neses días porque hai tramos enlamados no Camiño.

lunes, 12 de abril de 2010

Camiño de Santiago-4ªEtapa:Portomarín- Palas de Rei


Aínda que saímos de Portomarín con néboa, axiña os ceos mostráronse limpos cun sol que quentaba ben cando íamos ao descuberto.
Esta etapa sen deixar de ser bonita polas preciosas paisaxes da serra de Ligonde, por algunha que outra corredoira baixo os carballos, as aldeas que conservan o seu encanto, as agras e prados e as fermosas carballeiras ao lonxe ou preto do camiño, non foi tan especular como a anterior, quizais polo propio recorrido tan paralelo á estrada, sempre áspera, sen sombra, ruidosa pero desta vez alegrándonos con toxos e carqueixas xa floridos e tamén alegrounos o saúdo interminable aos que coincidimos cunha enorme procesión de motoristas que ían en sentido contrario.

Un digno lugar para descansar foi antes de chegar a Ligonde onde se atopa o fermoso cruceiro de dobre cara do ano 1674 acompañado dun impresonante carballo centenario.

No camiño hai moitos albergues e servizos, pena que nos albergues privados teñan por costume negar ao peregrino a posibilidade de selar a súa credencial se non para ou consume como nos aconteceu no albergue de Lestedo.

Pese que o percorrido era ata Lestedo, tiñamos a oportunidade de continualo ata Palas de Rei como fixeron un bo número de persoas. Alí atopámonos todos na praza do pobo.

Tras unha pequena vista a Melide, no que andaban tamén os vilagarciáns da "Cantarela", chegamos ás 20.00 con normalidade.

martes, 30 de marzo de 2010

Camiño de Santiago-4ªEtapa: Portomarín-Palas de Rei

Esta etapa é para o día 11 de abril, desde a parroquial ás 8.00h.
Percorrido: 25km
Dificultade: Dúas subidas máis fortes, a de Castromaior e a serra de Ligonde(máis suave). Despois deste punto pequenos tobogáns non pronunciados, fáciles de levar.

Unha vez en Portomarín sen entrar no pobo e baixando hacia o río, temos que cruzar o Regueiro das Torres que se xunta co Miño por un paso metálico, seguindo os sinais, ascenderemos cara o monte de San Antón, e llanearemos a través de prados, castiñeiros, carballos e piñeirais, iremos en paralelo á estrada LU-633, pasaremos cerca da fábrica de cerámica, e máis adiante chegamos a Toxibo que ten casa e hórreo moi bonito (4,8km).Continuando igual ao lado da estrada, pero a vez separada dela por monte colleremos camiño para Gonzar, a primeira aldea que ten igrexa, a Sta María, albergue e bar(8km). Por unha pista subiremos ata Castromaior que ten igrexa románica de finais de XII e castro prerromano (9.3km).Teremos algunha subidiña antes de chegar á aldea de Hospital da Cruz(11.8).Cruzaremos a N-540 colleremos por unha pista paralela á C-535 e seguirmos por ela.
A próxima aldea será Ventas de Narón, con igrexa recentemente restaurada, ascenderemos en suave pendente ata onde se anuncia a "Sierra de Ligonde"(13.8km) a 722 de altura e descenderemos camiñando hacia Previsa, primeira aldea do concello de Monterroso, ata ese momento todo pertecía ao concello de Portomarín. A serra de Ligonde separa as concas fluviais do Miño e do Ulla.
Ó acadar o lugar de Lameiros con pazo e capela a San Marcos, estaría ben contemplar o fermoso cruceiro con dobre cara Cristo por un lado e polo outro a Virxe María(de 1670). Logo chegaremos axiña a Ligonde, con albergue e unha cruz o pé de camiño para recordar que foi antigo hospital e camposanto de peregrinos. A aldea seguinte é Airexe (17.4km) con igrexa a Santiago, albergue e bar que dan comidas, á saída ten fama as augas da fonte con lavadeiro.
Avanzaremos polo arcén ata Portos, xa do concello de Palas de Rei(19.4km) e poco máis aló temos o cruces para Vilar de Donas, e o de Lestedo que ten albergue.Seguimos adiante e subiremos Os Valos e baixaremos ata A Mamurria e A Brea (22km), deixando a pista marcharemos en paralelo pola estada N-457, paremos polas aldeas de Avenostre e O Rosario. Xa moi cerca de Palas, despois de andar 23,9 km atopamos a Área recreativa "Os Cachotes". Entraremos por Palas de Rei pola rúa do Cruceiro que conduce a igrexa de San Tirso.

lunes, 29 de marzo de 2010

Camiño de Santiago-3ªEtapa: Sarria-Portomarín



Unha xornada moi boa a de onte, na que o tempo acompañounos e fixo do recorrido uns momentos para disfrutar das fermosas paisaxes, os prados e as impresionantes carballeiras que por esta parte de Galicia son centenarias. Algo que destacar e moito que aprender é o respeto pola natureza: non atopemos os eucaliptos, si alguhna plantación de pinos pero de forma sostible e planificada. O que temos que aprender na costa!!!... Sentimos desde aquí a caída de Itocha que seguro estará estupenda (como sempre) para a próxima saída..

Tamén felicitar os autores do himno de "Cen pés" e a Manolo pola creación do logo e das camisetas e a Paco e Lelo polo seu traballo na organización...a todos eles grazas polas súas aportacións desinteresadas...

miércoles, 17 de marzo de 2010

Camiño de Santiago-3ª Etapa: Sarria-Portomarín

A próxima etapa queda para o domingo 28 de marzo ás 8.00 da mañá na igrexa parroquial coma é costume(non esquecer o cambio de hora).

O percorrido son 22.5 kms

Partiremos desde a rúa Maior, subindo, veremos o torreón que queda do antigo castelo e o mirador con cruceiro, ata o convento da Magdalena(gótico e renacentista). Baixaremos cara o río Celeiro e cruzaremos a "ponte Áspera"(s.XIII), seguiremos por un camiño rodeados de hortas e terras de labranza e arborado, cruzaremos a vías por un viaducto e salvaremos o regueiro dos Cervos por unha pasarela de madeira ata adentrarnos nun bosque onde se esconde o castro de Paredes e cruzaremos a aldea. Iremos por pista ata outra chamade Vilei onde hai unha área recreativa onde se pode tomar café e sellar a nosa credencial; volvendo ao camiño chegaremos a Barbadelo onde se pode contemplar a igrexia románica de Santiago e o albergue, seguiremos subindo ata Rente e Mercado da Serra, onde hai bar-tenda, neste punto deixaremos o asfalto e marcharemos por unha corredoira con carballos pasaremos diante unha fonte de Pelegrín cerca do muíño de Marzán, cruzaremos estrada LU-633 para pasar polos lugares Leiman e logo Peruscallo onde atoparemos hórreos retagulares e de aí marchar entre castaños e carballos por las aldeas de Cortiñas, Lavandeira e Brea, despois desta veremos o falso "mojón km100" e o verdadeiro todo asinado. Máis adiante entraremos en Morgade con bar e albergue(km 12).

Logo deixamos o concello de Sarria e pasamos ao de Paradela:en chegarmos a Ferreiros(albergue) e en Mirallos veremos a igrexa de Sta María que antes estaba en Ferreiros.
Collemos novamente a pista asfaltada para chegar as aldeas de A Pena, Couto, Rozas e por camiño Moimentos, tras deste virá Mercadoiro con albergue e bar despois de andar case 17 kms. Desde aí queda pasar polas aldeas de Moutras e Vilacha e acabar baixando a embalse de Belesar e xa Portomarín.

Será unha xornada con moitas subidas e baixadas que haberá que levar a modo.

lunes, 15 de marzo de 2010

Camiño de Santiago-2ª Etapa: Triacastela-Sarria

Chegamos cedo a Triacastela, démonos présa para tomar o café e antes das 10.30 botamos a andar nun día precioso polo camiño primitivo( non polo que vai a Samos) baixo un sol que acompañou todo o día para resarcirnos doutras rutas pasadas. Creo que saímos todos entusiasmados polo sol, polo verde dos labradíos e o sonido da auga nos regatos.

Pronto nos encontramos coas primeiras aldeas con moitas casas abandoadas, A Balsa e San Xil, coa súa ermita humilde pintada de branco ... tamén apareceron as primeiras granxas e bravíos dos gando que estarán presente como unha estela polo camiño....Aiii!!! cheiriños da terra.

Fomos subindo por corredoiras entre vellos e fermosos carballos ata o alto de Riocabo para logo ir adentrandonos no val de Sarria. Cruzamos varias aldeas máis Furela, Pitín, A Aguiada, San Pedro e Vigo. Xa desde Pitín vése ao lonxe Sarria..así cada vez máis cerca dando ánimos para seguir pateando, así ata chegar sobre entre ás 2 e 2.30. Espallamonos por Sarria para comer e logo visitala ata pasadas as 17.00 que marchamos.
Unha etapa digna de recordar polas carballeiras, a paisaxe e por verlle a cara a unha Galicia rural ..dicir que tamén hai defectos: sinalización que non estaría demais reforzar nalgúns lugares, os camiños que nalgunhas partes están moi enlamados e os servizos ao perigrino.
Definitivamente entre os galegos escasea o sentido estético e o olfato comercial...

viernes, 12 de marzo de 2010

Camiño de Santiago- 1ªEtapa:Cebreiro-Triacastela



Comezamos o Camiño de Santiago o domingo 7 de marzo. Subimos previamente ao Cebreiro que estaba precioso todo nevado, achegámonos á igrexa para cumplir co sellado da "Credencial compostelana", fixemos a paradiña habitual no bar "Carolo" para tomar o café e encargar uns queixos. Logo o autobús levounos uns 3 kms máis baixo. A saída foi dende a escultura do peregrino, onde fixemos a foto de grupo.

Na primeira parte do camiño disfrutamos da presenza da neve, creo que a todos nos entusiasmou, pero segundo fomos baixando deu paso a unha chuvia non moi forte que se mantivo o resto do camiño. Pouco antes de chegar ao cruce para Lourezán deixou de nevar aínda que contemplabamos ao lonxe a neve nos montes.

A chegada a Triacastela foi escalonada: os primeiros estiveron sobre ás 14.00, os últimos sobre as 15.30, se non me confundo; non estivo mal xa que saímos sobre ás 11.15 h. e o recorrido foi de 17 ou 18 km.

Unha pena que as nubes baixas e a chuvia non permitisen distinguir a bonita paisaxe e os pobos do arredor como quixesemos. Resaltar esa vellíña que ofrecía filloas a cambio da "vontade" e o feísmo tan presente nas construcións populares, unha pena!!! quedanos moito aos galegos por facer neste terreo e a nós por camiñar...

A seguinte etapa é o próximo domingo 14 de marzo e a hora de saída e ás 7.00 dende a parroquial. Recordar que en todas as saída do Camiño temos que levar cada un o seu bocata ou parar a tomar algo no bares ou albergues que atopemos.
A tódolos que lles interese ter fotos da ruta a partir de agora teñen que entregar a súa dirección de correo electrónico para mandarlles unha invitación a un álbumweb desde onde se poderán descargar e guardar as fotos e asemesmo subir tamén as que teñan e desexen compatir.