sábado, 19 de junio de 2010

Camiño de Santiago- 8ª Etapa: San Marcos- Santiago

Xa rematamos o noso particular Camiño Francés segundo o previsto. Fixémolo desde O Cebreiro en total en oito etapas aínda que ben podería ser sete porque esta derradeira case foi un trámite: un día para escoitar a Misa do Peregrino ás 12.00h na catedral, obter previamente o nosa Credencial e unha comida-despedida de curso. Un día de festa.
Chegamos cedo a San Marcos, sería ao redor das 8.15 e atopamos todas as cafeterías pechadas, tivemos que refuxiarnos no bar do hotel Akellarre para cumplir con noso tradicional cafeciño, previo as saídas. Volvemos a pasar frente a capela de S. Marcos e o seu monumento, pero desta non paramos, estaba o lugar moi tranquilo e tan diferente ao final da etapa anterior cheo de xente. Atravesamos entre os pabellóns do monte do Gozo e seguimos adiante pasamos por San Lázaro, e moi cerca da Área Central, cruzamos a Avenida de Lugo e metémonos en Concheiros para baixar pola rúa de San Pedro, xa máis animada e entrar no casco antigo pola porta do Camiño, seguimos pola rúa das Casas Reais e atopamos axiña a praza de Cervantes e uns pasos máis xa estabamos todo xuntos ante a catedral na porta de Azabachería para pasar á praza da Quintana onde a xente agardaba xa na cola para gañar o xubileo entrando pola Porta Santa.
En praza de Praterías fixemos a nosa foto de grupo, todos coas nosas camisetas verdes, e de seguido a esperar turno diante á Casa do Deán, na que se atopa a Oficina do Peregrino, na entrada impresiona ver unha morea de paos que deixan os peregrinos ao final do seu recorrido. Con humor esperamos pacientemente o noso turno para recoller a nosa Compostelana. Aquí algún de nós tivo que aguantar certas suspicacias dos que estaban tralo mostrador referente os selos das nosas credenciais porque eran moitos deles de bares en lugar de capelas ou albergues ao que se lles aclarou que entre as dificuldades do Camiño unha delas era atopar as igrexas abertas para selar, pois só o fan na hora de culto; por riba diso algúns albergues privados non selan tampouco se non fas pousada, como é o noso caso.
A pesares destes incidentes todos saímos coa nosa Compostelana, e pasamos a entrar a catedral. Dende aquí agradecer a Mª José polo bo acerto ao coller unha entrada de grupo para "Cen Pés"que permitiunos entrar á catedral pola porta de Azabacherías sen esperar.
Escoitamos a Misa do Peregrino e o órgano tocado uns momentos por Galván. Un momento emotivo foi escoitar o nome de "Cen Pés" como un máis entre tantos peregrinos vidos de moitísimos sitios nos minutos previos a Misa, aínda que como anécdota dicir que o sacerdote trabucouse e chamounos "Con Pés", o que motivou algún sorriso. Case ao final da ceremonia todos poidemos contemplan do voo do botafumeiro.
Xa en Cuntis, disfrutamos unha riquísima comida trala que veu a música e a troula. Un día marabilloso que compartimos a gusto e que pechou o curso 2009-2010 de noso senderismo.
Para setembro xa comezaremos con novas saídas e reencontraremos tralo descanso estival.
Saúdos a todos e bo verán.

1 comentario:

  1. boa sorte a todas/os polo gran esforzo, seguir con o mesmo animo, que empezemos pronto a proxima saida e bon veran, unha aperta Encarna e Miguel

    ResponderEliminar