jueves, 29 de abril de 2010

Camiño de Santiago-5ªEtapa:Palas de Rei- Melide


Xornada estupenda dende calquera punto de vista: un tempo estupendo, unha paisaxe magnífica, e un bo polbo en Melide.

Atopamos de todo polo Camiño: uns prados verdes como nunca, unhas carballeiras de ensoño recubertas de musgo que empezan a reverdecer coa intensidade do comezo da primavera, a lagoa de Lagúa, un humedal no que non paraban de cantar as rás, as dúas pontes romanas moi bonitas, a de Furelos a máis grande, e esas pontellas que sempre fan dun paso sobre o río, unha experiencia inigualable, onde parece que te sumerxes noutro espazo; tamén a cantidade de hórreos e os cabazos, que non coñecía, e as igrexas, a máis bonitas a de Leboreiro, as aldeas que desta estaban mellor conservadas.
Aínda quedaron moitas máis vivencia, os animais do camiño unha preciosa gatiña que saínos ao encontro, pedindo caricias ou o rabaño de rubias galegas cos seus terneiros que seguían noso paso, ah!! e a gaiola cuns paxariños que confúndense cos periquitos e entre todo esto... o abrumador peregrinar de tanta xente, dignos de admiración foi o grupo de rapaces canarios que ían cargadísmos coas súas mochilas, ou aqueloutro que levaban un neno no seu carriño... e sempre con nós acompañando os cantos do paxariños, do cuco, da pega, e o son da auga nos regatos...

Unha etapa para o recordo, unha das máis impresionantes...

miércoles, 14 de abril de 2010

Camiño de Santiago-5ªEtapa:Palas de Rei-Boente

Esta etapa andarémola o domingo 25 de abril. A saída coma sempre dende a igrexia parroquial de Vilagarcía ás 8.00.

Percorrido: 20.5km. De Palas de Rei a Boente. Desde Lestedo serán 4 km máis.

Dificultade: segue o camiño como ata agora, un continuo subir e baixar pero sen grandes costas.

Sen deixar de selar a nosa credencial na igrexa parroquial que conserva a porta románica do século XII, comezaremos o camiño baixando cara o río Roxán que teremos que cruzarlo para subir dúas aldeas, "Aldea de Riba" e "Gaiola de Riba", logo atravesaremos la estrada N-547, e seguiremos por un pasadoiro arborado que normalmente está enlamado, a poza de Lagúa, que ten a lenda dunha vila asolagada na que de cando en vez óese o canto do galo. Proseguiremos ata San Xulián do Camiño, un interesante conxunto con casarío en torno a igrexa románica, os hórreos, a fonte e mailo cruceiro. Por pista asfaltada entre agras acercarémonos a Pallota e descenderemos por unha corredoira empedrada ata o río Pambre para chegar loga a Ponte Campaña (4,5 km). Indo cara á aldea de Casanova atravesaremos un dos mellores tramos do Camiño, unha frondosa e máxica carballeira rodeada de rochas. Deixando a pista, baixaremos ao rego de Vilar en Porto dos Bois, onde en 1371 guerrearon un Trastamara cun conde de Lemos(zona que é probable que estea bastante enlamada), logo en costa subiremos ata a última aldea lucense da parroquia de Mato, Campanilla (8 km). E de aí a Coto, primeiro núcleo coruñés do concello de Melide onde hai dous bares, restaurante e casa de turismo rural.
Descendendo entramos en Leboreiro polo que antigamente foi unha calzada romana, veremos un cabazo(canasto enorme que coma os hórreos utilízanse para gardar o millo), a igrexa de Sta María do s.XIII. Cruzaremos o río Seco por unha fermosa ponte medieval (9.5 km) e pasaremos por Disicabo e unha gándara ao lado da N-547 para entrar polo grotesco polígono industrial da Madalena ou da Gándara (11 km). Baixaremos ata o río Furelos, afluente do Ulla e o cruzaremos máis aló por outra ponte medieval de catro arcos para entrar en de S.Xoán de Furelos, máis adiante entraremos en Melide. Un bo lugar para comer ou repoñer forzar, xa que ten moitos servizos.
De Melide, que xa coñecemos, destacar a capela de S. Roque do s.XIII cun cruceiro dos máis vellos de Galicia do s.XIV, a fonte dos Leóns de catro canos, o casco antigo coa praza do convento onde están a igrexa de San Antón, o Museo de Melide, antigo hospital de peregrinos, a casa do concello do s. XVIII e o convento del Sancti Spiritus.
Sairemos de Melide pola rúa de S.Antón e a rúa Principal. Cruzando a N-547, nos acercaremos por unha pista para ver o templo románico do s.XII de Santa María de Melide rodeado de casas. Por camiño de grava chegaremos ata o rego de S. Lázaro e tras cruzalo pasamos por Carballal, descendendo atopamos un eucaliptal e pasaremos pola pontella do regueiro de Catasol, lugar moi bonito entre carballos e ameneiros, asi chegaremos a Raidos ao lado da estrada, pero aínda queda pasar por Parabispo(18,7 km), cruzalo rego de Valverde e a Peroxa que din que ten unha fonte ben milagreira, así chegaremos a Boente onde quizais poidamos selar a nosa credencial na igrexa de Santiago.
Recomendamos botas se chovese neses días porque hai tramos enlamados no Camiño.

lunes, 12 de abril de 2010

Camiño de Santiago-4ªEtapa:Portomarín- Palas de Rei


Aínda que saímos de Portomarín con néboa, axiña os ceos mostráronse limpos cun sol que quentaba ben cando íamos ao descuberto.
Esta etapa sen deixar de ser bonita polas preciosas paisaxes da serra de Ligonde, por algunha que outra corredoira baixo os carballos, as aldeas que conservan o seu encanto, as agras e prados e as fermosas carballeiras ao lonxe ou preto do camiño, non foi tan especular como a anterior, quizais polo propio recorrido tan paralelo á estrada, sempre áspera, sen sombra, ruidosa pero desta vez alegrándonos con toxos e carqueixas xa floridos e tamén alegrounos o saúdo interminable aos que coincidimos cunha enorme procesión de motoristas que ían en sentido contrario.

Un digno lugar para descansar foi antes de chegar a Ligonde onde se atopa o fermoso cruceiro de dobre cara do ano 1674 acompañado dun impresonante carballo centenario.

No camiño hai moitos albergues e servizos, pena que nos albergues privados teñan por costume negar ao peregrino a posibilidade de selar a súa credencial se non para ou consume como nos aconteceu no albergue de Lestedo.

Pese que o percorrido era ata Lestedo, tiñamos a oportunidade de continualo ata Palas de Rei como fixeron un bo número de persoas. Alí atopámonos todos na praza do pobo.

Tras unha pequena vista a Melide, no que andaban tamén os vilagarciáns da "Cantarela", chegamos ás 20.00 con normalidade.