jueves, 26 de mayo de 2011

Saída a Fisterra

A saída a Fisterra é a última da temporada 2010-2011.
Partiremos o domingo 5 de xuño ás 7.30 h. da mañá desde a igrexa parroquial.
Percorrido:12 kms
Dificultade: fácil.
Comezaremos a ruta desde a praia do Rostro, para camiñar pola praia de Mar de Fóra, seguiremos por acantilados e acabaremos no faro de Fisterra.
Nestas costas en 1987 naufragou o buque "Casón" que provocou en toda a comarca unha gran inquietude entre a poboación porque desconfiouse que a carga fose radiactiva, un suceso que provocou 23 morte e un éxodo masivo, moita polémica, e aínda permanece na memoria da xente e como nome dalgún bar da zona.
Comeremos un restaurante ao lado da praia Langosteira. Pola tarde descansaremos na praia se hai bo día ata a hora de volta. É importante que levedes bañador, toalla e protector solar.
O prezo desta saída son 25 euros por persoa, inclúe coma sempre, transporte e comida.

Cena-baile 2011

Para poñer o punto final da nosas andainas 2010-2011, a asociación CEN PÉS celebraremos o sábado 11 de xuño ás 22.00 h. na Casa del Mar( no peirao de pasaxes)  unha CENA-BAILE, para disfrute de senderistas e familiares.
Para anotarse será necesario ingresar 25 euros por persoa na conta de Caixa nova, despois da última saída, desde os días 6 ata o xoves 9 de xuño.
Invitamos a todos a participar nesta actividade para pasalo ben dun xeito diferente.

miércoles, 25 de mayo de 2011

Sendas de Cares e de Bulnes

Creo que non me engano, se afirmo que estas dúas rutas foron da completa  satisfacción de todo o colectivo que participamos nelas. Se algo teñen  malo é a distancia, porque para disfrutalas tivemos que aguantar sete horas de viaxe para ir e seis para a volta, algo totalmente inevitable.
O domingo saímos puntuais, e paramos dúas veces ao largo do recorrido, uns fomos falando e outros durmindo para matalo tempo. A paisaxe animouse na altura do  pobo de Riaño e o seu encoro,  que é verdaderamente grande e aínda ten a súa beleza..Chegamos a Posada de Valdeón un pouco tarde, sobre as 14.30 e algúns puxémonos a comer mentras non nos chegaba a vez para subir no taxis que nos conduciría a Caín. Cando estivemos todos, iniciamos a ruta, cada un ao seu ritmo. Como se esperaba non foi unha ruta difícil, pero o chan, sobre todo na última parte,tiña moitas pedras soltas, o que facía que camiñaramos máis a modo. A ruta non defraudo a ninguén, nin sequera aos que xa a fixeramos noutra saída anterior: As vistas do río Cares dende o principio cautivan polo seu encanto, tan encaixonado entre as paredes das montañas(rectificar aquí e dicir que pasamos por dúas ponte colgantes en lugar dunha), os túneles feitos na pedra viva, deixando ver o río entre balcóns, é unha marabilla...deste xeito fomos camiñando e disfrutando unha paisaxe singular na que as vistas facíanse máis espectaculares segundo se ía ensachando a garganta, vendo cada vez máis baixo o río e os Picos de Europas enormes coma xigantes, de tal xeito que o noso alongado "Cen Pés" parecía un animaliño diminito.
O luns, tralo almorzo iniciamos a subida ao pobo de Bulnes, un recorrido que todos os habitantes tiñan que facer  ata o 2001, ano no que se inaugurou o funicular. Tamén é unha senda preciosa, que parecía más difícil do que resultou ao ir pola fresca da mañá. O pobo e pequeno, pero bonito. Todos nos acercamos ao mirador para contemplar o Naranjo, do que só se vía a parte superior do macizo para despois descansar e tomar algo no bar para volver pola mesma senda. A baixada fíxose máis pesada pola calor, polo que algúns dedicamos uns minutos a remollarnos no río, o que convertiu a experiencia nunha auténtica delicia.
Algúns de nós en lugar de facer a subida andando, utilizaron o funicular e outros quedaron camiñando pola riberia baixa do Cares, para despois ir andando incluso ata Las Arenas desde Poncebos.
Así pois foi un fin de semana productivo e cunhas panorámicas impresionantes, independientemente da ruta escollida.
 Pola demais creo que todos quedamos contentos coa comida e o aloxamento. Unha felicitación desde aquí aos organizadores.

lunes, 16 de mayo de 2011

Senda do Cares e subida a Bulnes

O próximo fin de semana, os días domingo 22 e 23, marchamos a Asturias para facer as ruta do río Cares e a subida ao pobo de Bulnes.
Partimos o domingo 22 ás 7.00 da mañá desde a igrexa parroquial, e chegaremos ao seguinte á noite.
O primeiro día temos que levar nós o xantar, bocata ou algo lixeiro pois non teremos moito tempo para parar. Pensamos chegar Posada de Valdeón (prov. León) xa nos Picos Europa sobre ás 14.00 ou 14.30 para achegarnos ao pequeno pobo de Caín en taxis porque o autobús é demasiado grande e non pasa ata alí. Iniciaremos a ruta do Cares pola tarde desde Caín ata Poncebos, onde nos recollerá o bus para irmos a Arenas de Cabrales, onde nos aloxaremos no hostal Castañeu, que será no lugar no que cenaremos, almorzaremos e xantaremos ao día seguinte.Neste hostal quedarán 20 persoas, as demais nos repartiremos polos hostais restantes da zona.
O luns faremos tras o almorzo a subida a Bulnes, os que non desexen facer esta ruta poden quedar en Arenas de Cabrales ou subir en funicular pola súa conta ao pobo de Bulnes.
Tras a comida voltaremos a Vilagarcía.
A Senda do Cares:
Dificultade: fácil.
Percorrido:sobre 10km.
Duración: 3 ou 4 horas.
Desnivel: 150 m.
Saíndo do pobo de Caín, partiremos pola ribeira dereita do río Cares que une os pobos de Caín(León) e Poncebos(Asturias) cruzando os Picos de Europa, para pasr despois dun primeiro tramo á marxe esquerda, por unha senda que abriu a empresa Electra de Viesgo en 1916 para mellorar o seu servizo de condución de auga. Neste inicio pasaremos pola pequena central eléctrica e internarémonos por unha senda horadada na roca caliza da montaña, así cruzaremos unha ponte colgante e marcharemos polo outro lado do río, desde alí o camiño faise un pouco máis amplio e vai baixando o río cun gran desnivel, nós continuaremos paralelamente á canle da auga, a paisaxe vai cambiando, cunha visión impresionante do desfiladero, dos montes que superan os 2000 m.de altura, o o Murallón de Amuesa e o monte Acebuco.
Aínda que o camiño é seguro, recomendamos precaución e mirar tamén para o chan. Non olvidedes levar auga porque só hai unha fonte en todo o recorrido ata chegar a Poncebos.
A senda de Bulnes:
Dificultade: media.
Percorrido: 6 Kms
Duración: 3 ou 4 horas.
Desnivel: 200 m.
A subida ao pobo de Bulnes tamén é desde Poncebos, trátase de ir por un camiño estreito e labrado na roca polo que se vai ascendendo entre dúas gargantas. O importante é subir lentamente e disfrutando da paisaxe que é impresionante, ir sen présas.
O pobo de Bulnes está dividido en dous barrios, Arriba e de Abaixo, ao chegar atoparemos un regato e unha ponte, pero será mellor ir de frente e hacia o final do mesmo onde atoparemos unha espectacular panorámica do Naranjo ou Pico Urriellu, que ten 2518 m. de altitude.
O prezo desta saída é de 60 euros para os habituais que foron a máis de 5 rutas e 70 euros por persoa para os que non está nesa situación, inclúe transporte de ida e volta, durmir en hostal, cena, almorzo e xantar do día 23 , o día 22 temos que levar bocata.
Recomendamos botas e bastóns, tamén roupa de auga se pensamos que pode chover, e se vai sol, sombreiros, para realizar estas rutas é necesario ir provistos de auga.

Peneda Gerês

A saída a serra da Peneda cumpriu todas as expectativas, bo tempo para camiñar e unha ruta sen grandes complicacións e unha paisaxe preciosa, por non contar co bacalo que estivo riquísimo.

Paramos para almorzar en Arcos de Valdevez, un pobo pequeno pero moi cuidado, cun fermoso parque estilo inglés na ribeira do río, a todos quedounos ganas de velo melllor.

Iniciamos a andaina en Mezio para facer un tramo dun recorrido maior, xa que existe unha ruta sinalada como gran recorrido, coas marcas branca e vermella, que é circular e vai percorrendo a serra. Esta vez fixemos unha parte de Mezio ás Cunhas.

Ao primeiro fomos baixando a unha fraga de especies de árbores variadas, con abetos pero tamén carballos, regada por regatos para ir pouco a pouco ascendendo a zonas máis abertas que deixaban ver as montañas graníticas que da razón ao nome da Peneda, unhas vistas altas dende onde contemplar os vals verdes coas bancadas prantadas coas viñas e as aldeas espalladas por toda a orografía, unha paisaxe fermosa sen dúbida ningunha. Así entre casas e vellas aldeas, pasando polas ribeiras dos ríos, cruzando antigas pontes de pedra, e indo por corredeiras entre muros alfombrados de musgos e rodeados de carballos chegamos a pobo de Soajo, coa súa praza, igrexa e rúas esteitiñas. Tivemos que cruzar o pobo para chegar a un outeiro onde están os "espigueiros", sobre uns trinta hórreos de pedra enriba dunha rocha xigante dende a que se aprecia unha impresionante panorámica dos arredores. De aí algúns de nós quedaban no autobús e a maioría continuabamos a ruta por unha subida que prometía ser máis dura do que se levou (con calma sempre súbese ben). Rematamos na aldea de Cunhas, de aí acercamos a visitar o castelo de Lindoso que estaba pechado pero que ten un femoso conxunto de "espigueiros" .
Tras desgustar o bacalao á portuguesa, iniciamos a volta e paramos en Ponte da Barca para pasea un rato e disfrutar dunha festa do folklore.