domingo, 14 de febrero de 2016

Ares-Mugardos

Comezamos esta ruta pola costa ártabra nu día que ameazaba chuvia, e de feito caeunos unha pouca subindo o Montefaro, e pouco máis.
Fomos ao concello de Ares para sair desde a praia de Chanteiro como os ingleses no 1719 que desembarcaron nesta preciosa ensenada e colleron rumbo a Mugardos para salvar as baterias militares da ría. Nós tamén achegamos a esta praia tan recollida entre montes saintes ao mar aberto que por un lado rematan en punta Coitelada( á esquerda) e a outra en punta Segaño(dereita), ambas acollen restos de antigas baterías militares desde o século  XVII, cando os piratas campaban por este mar e arrasaban a ría de Ferrol...
Na nosa andaina seguimos cerquiña do mar, contemplando as ondas co seu poderio e beleza ata coller unha pista que sube  a Montefaro, así acercámonos ao mosteiro de Santa Catalina que data do seculo XII pero que sufriu moitas modificacións, coa desamortización de Mendizabal en 1837 os franciscanos abandoárono e máis tarde pasou as mans do exército. Este edificio que estaba pechado é un lugar singular, xa nos tempos dos ártabos, dícese que aínda hai restos da súa adoración o sol neste lugar.
Seguimos o noso camiño ascedendo ata o  coñecido como "Coto do Cabalo", que é en realidade un monte case sen árbores, con arbustos e toxos desde onde distinguimos un pouco máis abaixo a silueta da batería militar coñecida como A Bailadora do s. XIX, impresiona estas construcións tan imponentes, con garitas cada pouco, porque esta monte está furado por túneles e pazadizos que tamén chegan a outra batería militar a de punta Segaño que está máis preto do mar e pola que tamén pasamos. Desde A Bailadora contémplase toda a ría de Ferrol cunha vista panorámica espetacular, desde a boca, o castelo de San Felipe o da Palma e Ferrol ao lonxe....
Desde este mirador fomos ata Segaño e collemos a estrada que nos leva diante o monumental castelo da Palma, que serviu de cárcere ao golpista Antonio Tejero Molina, hoxe está pechado e abandonado a súa sorte(queríano recovertir en hotel) a continuación está a baliza ou faro de castelo ben conservado e doutro lado da ría distínguese moi cerca o castelo de San Felipe que xunto con este e desaparecida fortaleza de San Martín formaban o "Triángulo de Fogo" que para deter os navíos inimigos tendian unha cadea entre estes últimos castelos.
E así camiñando cara a Mugardos coa ensenada de Nande a esquerda imos pensando en como, de que maneira foi a historia deixando tantas pegadas nestas terras de Galicia, desde antes dos ártabos, nos castros, vikingos, piratas, ingleses e franceses... en fin sempre entorno a defensa ou a ataque, sempre entorno a guerra. Así pensando xa estabamos nas primeiras casas de Mugardos e tomando o paseo marítimo, chegarmos ao porto cunha gran lección de historia nos pes.


 







E despois do xantar celebramos á nosa forma o Antroido: non quedou ninguén sen disfraz.
 Un final divertido para unha saída inmellorable.

No hay comentarios:

Publicar un comentario