martes, 21 de septiembre de 2010

Tordoia:sendeiro Santaia- Cabaleiros

O domingo 3 de outubro sairemos ás 8 da mañá desde a praza de España, igrexia parroquial, para camiñar por unha paisaxe sen grandes desniveis, unha ruta coma a anterior, para ir entrenándonos xa que vimos do descanso estival. A ruta será:

Percorrido: circular.

Distancia: 12 kms.

Dificultade: baixa.

Partiremos de Pontepedra para ir recorrendo un entorno privilixiado. Atoparemos rodeada de bosque a Pedra Longa, pena de grandes proporcións, e máis adiante a ribeira do río Pontevedra ata chegar cerca do encoro de Vilagundín, zona con fauna protexida e de importancia ornitolóxica. A ruta pasa tamén por Arcai, en Gorgullos, onde encontraremos o seu cruceiro e xunto a el un pequeno altar sostido por dous pés, feitos probablemente con antigas aras galaico-romanas e a sinxela igrexia de Santa Susana. En Santivedra teremos unha desviación que nos levará ao ermida e cruceiro de San Estevo onde podremos ver un pozo de auga con teito. Máis adiante temos outra desviación que ascende polo monte Pedroso e poderemos ver o Dolmen dos Cabaleiros. A así chegarmos novamente a Pontepedra, lugar onde comeremos.

lunes, 13 de septiembre de 2010

Laxe- Arou


Esta primeira saída foi unha xornada que serviu para reencontrar á maioría dos amigos, non todos porque notáronse algunhas ausencias.

Foi unha saída refrescante, revitalizante nun día agradable para camiñar. Atopamos un mar, tan diferente aquí, bravo, espumoso, coas ondas achegándose a praia ou chocando nas penas... non deixan de sorprender tanta marabilla, as formas das rochas, os depósitos de coios nas praias, redondos, perfectamente traballados en contraposición coa area branca, lisa, suave que acariña cando escapa das mans...esas praias interminables... a lagoa limpa e tranquila...ese olor intenso a salitre, a mar.. e o son do mar e do vento sempre presentes. Vívese aquí máis que nunca con todos os sentidos.

Nestes lugares todo ten o seu encanto os pobos pequenos, as barcos nos muelles, as esculturas de Man en Camelle ata os recientes paseos marítimos..Laxe, Traba, Camelle, Arou... Foi unha pena marchar, acabar o recorrido e deixar a praia de Arou, pero déixanos esta costa un inesquecible recordo e inmensas gañas de volver.

miércoles, 1 de septiembre de 2010

Laxe-Camelle: Domingo 12 de setembro

Tralo parón do verán iniciamos a tempada 2010-2011 o 12 de setembro ás 8.00 diante da igrexa parroquial cunha fermosa ruta costeira: desde o pobo de Laxe ata o de Camelle.
O percorrido é lineal e todo pola costa cunhas vistas impresionantes, pasaremos por praias e cerquiña da Lagoa de Traba, na que se pode contemplar unha enorme diversidade de aves, ata chegar a Camelle, aínda que se temos tempo podemos continuar ata a praia seguinte(Arou) e rematar cun baño antes de marchar a xantar nun restaurante a 4 kms de Vimianzo xa coñecido por nós noutras saídas.

Percorrido: lineal.
Distancia: en torno os 12 ou 13km.
Dificultade: fácil.
Recomendación: se está bo tempo, podedes levar bañador para darnos un chapuzón. Calzado cómodo, non require un calzado pesado.

O prazo de inscrición ábrese o xoves 2 de setembro, o prezo da saída vale 22 euros e inclúe coma sempre transporte, comida e boa compaña.
Seguramente teremos un día estupendo para reencontrarnos, disfrutar da paisaxe e botar a andar que xa ven sendo tempo.

sábado, 19 de junio de 2010

Camiño de Santiago- 8ª Etapa: San Marcos- Santiago

Xa rematamos o noso particular Camiño Francés segundo o previsto. Fixémolo desde O Cebreiro en total en oito etapas aínda que ben podería ser sete porque esta derradeira case foi un trámite: un día para escoitar a Misa do Peregrino ás 12.00h na catedral, obter previamente o nosa Credencial e unha comida-despedida de curso. Un día de festa.
Chegamos cedo a San Marcos, sería ao redor das 8.15 e atopamos todas as cafeterías pechadas, tivemos que refuxiarnos no bar do hotel Akellarre para cumplir con noso tradicional cafeciño, previo as saídas. Volvemos a pasar frente a capela de S. Marcos e o seu monumento, pero desta non paramos, estaba o lugar moi tranquilo e tan diferente ao final da etapa anterior cheo de xente. Atravesamos entre os pabellóns do monte do Gozo e seguimos adiante pasamos por San Lázaro, e moi cerca da Área Central, cruzamos a Avenida de Lugo e metémonos en Concheiros para baixar pola rúa de San Pedro, xa máis animada e entrar no casco antigo pola porta do Camiño, seguimos pola rúa das Casas Reais e atopamos axiña a praza de Cervantes e uns pasos máis xa estabamos todo xuntos ante a catedral na porta de Azabachería para pasar á praza da Quintana onde a xente agardaba xa na cola para gañar o xubileo entrando pola Porta Santa.
En praza de Praterías fixemos a nosa foto de grupo, todos coas nosas camisetas verdes, e de seguido a esperar turno diante á Casa do Deán, na que se atopa a Oficina do Peregrino, na entrada impresiona ver unha morea de paos que deixan os peregrinos ao final do seu recorrido. Con humor esperamos pacientemente o noso turno para recoller a nosa Compostelana. Aquí algún de nós tivo que aguantar certas suspicacias dos que estaban tralo mostrador referente os selos das nosas credenciais porque eran moitos deles de bares en lugar de capelas ou albergues ao que se lles aclarou que entre as dificuldades do Camiño unha delas era atopar as igrexas abertas para selar, pois só o fan na hora de culto; por riba diso algúns albergues privados non selan tampouco se non fas pousada, como é o noso caso.
A pesares destes incidentes todos saímos coa nosa Compostelana, e pasamos a entrar a catedral. Dende aquí agradecer a Mª José polo bo acerto ao coller unha entrada de grupo para "Cen Pés"que permitiunos entrar á catedral pola porta de Azabacherías sen esperar.
Escoitamos a Misa do Peregrino e o órgano tocado uns momentos por Galván. Un momento emotivo foi escoitar o nome de "Cen Pés" como un máis entre tantos peregrinos vidos de moitísimos sitios nos minutos previos a Misa, aínda que como anécdota dicir que o sacerdote trabucouse e chamounos "Con Pés", o que motivou algún sorriso. Case ao final da ceremonia todos poidemos contemplan do voo do botafumeiro.
Xa en Cuntis, disfrutamos unha riquísima comida trala que veu a música e a troula. Un día marabilloso que compartimos a gusto e que pechou o curso 2009-2010 de noso senderismo.
Para setembro xa comezaremos con novas saídas e reencontraremos tralo descanso estival.
Saúdos a todos e bo verán.

miércoles, 9 de junio de 2010

Camiño de Santiago-8ª Etapa: San Marcos- Santiago de Compostela

Saíremos ás 7.30 da mañá do domingo 13 de xuño, desde a igrexa parroquial.
Distancia: 5 kms.
Sairemos desde San Marcos para percorrer o pouco que nos queda ata chegar a Santiago, onde recollermos a nosa Compostelana, entraremos pola Porta Santa e os que queiran poden escoitar a misa do peregrino e ver voar o botafumeiro. Alfonso Galván un compoñente de Cen Pés, tocará o órgano da catedral nesta celebración.
Recordamos que esta ocasión levemos todos a camiseta con noso logo.
O remate será unha comida en Cuntis, no restaurante Conde no que Carmiña cociñaranos o mellores pratos da súa gastronomía, desde aquí despiremos o curso 2009-2010 ata o mes de setembro que reanudaremos as nosas andainas.

sábado, 5 de junio de 2010

Camiño de Santiago-7ª Etapa:Calle- San Marcos



Como penúltima etapa, esta foi decantándose pouco a pouco nos noso pés e no noso ánimo. Andamos en xeral máis lentos e espallados do que é habitual, cada un foi ao seu aire. Tal vez polo tempo, a calor ía apretando segundo discurría a mañá, e pesaba nas pernas, ou tal vez por ese íntimo desexo de vivir o que quedaba de camiño dun xeito máis persoal, disfrutando, contemplando, charlando con calma que xa pouco quedaba ...
O certo é que o Camiño da para moito, para sorprenderse pola cantidade de xente de todas partes que o fan, desta a cantidade de ciclitas que atopamos. Peregrinos de tan variadas procedencias, desta vez atopamos australianos e estadounidenses, peregrinos de todas as idades, maiores e novos. Da para meditar, para ir reflexionando sobre as nosos comportamentos e prioridades, para facer amigos ou ir coñecendo aínda máis aos que nos acompañan, para disfrutar da nosa natureza, da sensación de liberdade e paz que nos aporta, para vivir a relixiosidade...
O Camiño está vivo, é unha vía aberta diferente as estradas e autopistas, a velocidade, vai por outra senda na que os horarios, as rutinas e valores cotidiáns xa non teñen importancias. O tempo ten a cadencia dos teus pasos e os pensamentos aclimántanse o seu ritmo guiados por unha natureza, unha paisaxe maravillosas e unha xente tan variada.
Xa sabemos que no todo é ideal, que quedan cousas por arranxar coma a falta de a carteis que lle indique o peregrino o lugar e aldea na que vai entrar ou o feísmo nas construcións e no cableado que estragan calquera fermosa fachada ou a necesidade de máis plazas nos albergues para que o camiñante non caiga no estrés, na rutina de horarios da que ía escapando, ou a perda de carballos e castiñeiros segundo íamos avanzando a Santiago...
O Camiño hai que facelo con calma, disfrutando de todo o que nos ofrece, sen a necesidade de que o que nos mova sexa unha relixiosidade cristián senón simplemente un profundo humanismo. Así é como da tempo de falar con uns, tomar una cervecilla con outros e ata compartir unhas riquísimas fresas silvetres atopadas polo camiño.



martes, 25 de mayo de 2010

Camiño de Santiago-7ª Etapa: Calle-Lavacolla

Penúltimo tramo do Camiño de Santiago que pode ser ata Lavacolla ou ata o monte do Gozo segundo nos atopemos de forzas.

Saída, día 30 de maio desde a igrexa parroquial de Vilagarcía como é habitual pero ás 7.30.

Percorrido: 21.3 kms ata Lavacolla, ata San Marcos 5.2 máis.

Dificultade: sencilla despois de todo o andado, algunha subida ao chegar o pobo de Empalme e O Perdrouzo e se cabe algunha máis.

Tras saír de Calle, marcharemos non lexos da estrada N-547 e pasaremos polas aldeas de Boavista e Salceda, encontraremos máis adiante o monumento ao peregrino Guillermo Watt, que morreu tan preto de Santiago. Estaremos en todo momento moi cerca da estrada xeral a Santiago e a cruzaremos diferentes lugares como Xen e Ras, aquí o camiño se xunta co que ven do norte polo que atoparemos máis peregrinos. Logo pasaremos preto de A Rabiña e O Empalme, onde evitaremos un perigoso cruce pasando por un túnel, así chegaremos a Santa Irene que está nun alto, unha aldeíña que ten capela, albergue privado e público e unha fonte barroca de auga sanadora para a pel e as espullas.

Seguiremos o camiño baixo eucaliptos e algunha que outra carballeira, cada vez menos presentes. Pasaremos por diferentes pobos:Astrar, Rúa, Arca, Pedrouzo que ten albergue en OPino, antes de chegar a San Antón atoparemos un bar e un complexo deportivo con pistas, despois deste sequiremos por senda forestal cruzaremos Amenal e Cimadevila entrando no concello de Santiago e bordenado o perímetro do aeroporto, só queda camiñar un pouco para chegar o pobo da Lavacolla.