jueves, 29 de abril de 2010

Camiño de Santiago-5ªEtapa:Palas de Rei- Melide


Xornada estupenda dende calquera punto de vista: un tempo estupendo, unha paisaxe magnífica, e un bo polbo en Melide.

Atopamos de todo polo Camiño: uns prados verdes como nunca, unhas carballeiras de ensoño recubertas de musgo que empezan a reverdecer coa intensidade do comezo da primavera, a lagoa de Lagúa, un humedal no que non paraban de cantar as rás, as dúas pontes romanas moi bonitas, a de Furelos a máis grande, e esas pontellas que sempre fan dun paso sobre o río, unha experiencia inigualable, onde parece que te sumerxes noutro espazo; tamén a cantidade de hórreos e os cabazos, que non coñecía, e as igrexas, a máis bonitas a de Leboreiro, as aldeas que desta estaban mellor conservadas.
Aínda quedaron moitas máis vivencia, os animais do camiño unha preciosa gatiña que saínos ao encontro, pedindo caricias ou o rabaño de rubias galegas cos seus terneiros que seguían noso paso, ah!! e a gaiola cuns paxariños que confúndense cos periquitos e entre todo esto... o abrumador peregrinar de tanta xente, dignos de admiración foi o grupo de rapaces canarios que ían cargadísmos coas súas mochilas, ou aqueloutro que levaban un neno no seu carriño... e sempre con nós acompañando os cantos do paxariños, do cuco, da pega, e o son da auga nos regatos...

Unha etapa para o recordo, unha das máis impresionantes...

miércoles, 14 de abril de 2010

Camiño de Santiago-5ªEtapa:Palas de Rei-Boente

Esta etapa andarémola o domingo 25 de abril. A saída coma sempre dende a igrexia parroquial de Vilagarcía ás 8.00.

Percorrido: 20.5km. De Palas de Rei a Boente. Desde Lestedo serán 4 km máis.

Dificultade: segue o camiño como ata agora, un continuo subir e baixar pero sen grandes costas.

Sen deixar de selar a nosa credencial na igrexa parroquial que conserva a porta románica do século XII, comezaremos o camiño baixando cara o río Roxán que teremos que cruzarlo para subir dúas aldeas, "Aldea de Riba" e "Gaiola de Riba", logo atravesaremos la estrada N-547, e seguiremos por un pasadoiro arborado que normalmente está enlamado, a poza de Lagúa, que ten a lenda dunha vila asolagada na que de cando en vez óese o canto do galo. Proseguiremos ata San Xulián do Camiño, un interesante conxunto con casarío en torno a igrexa románica, os hórreos, a fonte e mailo cruceiro. Por pista asfaltada entre agras acercarémonos a Pallota e descenderemos por unha corredoira empedrada ata o río Pambre para chegar loga a Ponte Campaña (4,5 km). Indo cara á aldea de Casanova atravesaremos un dos mellores tramos do Camiño, unha frondosa e máxica carballeira rodeada de rochas. Deixando a pista, baixaremos ao rego de Vilar en Porto dos Bois, onde en 1371 guerrearon un Trastamara cun conde de Lemos(zona que é probable que estea bastante enlamada), logo en costa subiremos ata a última aldea lucense da parroquia de Mato, Campanilla (8 km). E de aí a Coto, primeiro núcleo coruñés do concello de Melide onde hai dous bares, restaurante e casa de turismo rural.
Descendendo entramos en Leboreiro polo que antigamente foi unha calzada romana, veremos un cabazo(canasto enorme que coma os hórreos utilízanse para gardar o millo), a igrexa de Sta María do s.XIII. Cruzaremos o río Seco por unha fermosa ponte medieval (9.5 km) e pasaremos por Disicabo e unha gándara ao lado da N-547 para entrar polo grotesco polígono industrial da Madalena ou da Gándara (11 km). Baixaremos ata o río Furelos, afluente do Ulla e o cruzaremos máis aló por outra ponte medieval de catro arcos para entrar en de S.Xoán de Furelos, máis adiante entraremos en Melide. Un bo lugar para comer ou repoñer forzar, xa que ten moitos servizos.
De Melide, que xa coñecemos, destacar a capela de S. Roque do s.XIII cun cruceiro dos máis vellos de Galicia do s.XIV, a fonte dos Leóns de catro canos, o casco antigo coa praza do convento onde están a igrexa de San Antón, o Museo de Melide, antigo hospital de peregrinos, a casa do concello do s. XVIII e o convento del Sancti Spiritus.
Sairemos de Melide pola rúa de S.Antón e a rúa Principal. Cruzando a N-547, nos acercaremos por unha pista para ver o templo románico do s.XII de Santa María de Melide rodeado de casas. Por camiño de grava chegaremos ata o rego de S. Lázaro e tras cruzalo pasamos por Carballal, descendendo atopamos un eucaliptal e pasaremos pola pontella do regueiro de Catasol, lugar moi bonito entre carballos e ameneiros, asi chegaremos a Raidos ao lado da estrada, pero aínda queda pasar por Parabispo(18,7 km), cruzalo rego de Valverde e a Peroxa que din que ten unha fonte ben milagreira, así chegaremos a Boente onde quizais poidamos selar a nosa credencial na igrexa de Santiago.
Recomendamos botas se chovese neses días porque hai tramos enlamados no Camiño.

lunes, 12 de abril de 2010

Camiño de Santiago-4ªEtapa:Portomarín- Palas de Rei


Aínda que saímos de Portomarín con néboa, axiña os ceos mostráronse limpos cun sol que quentaba ben cando íamos ao descuberto.
Esta etapa sen deixar de ser bonita polas preciosas paisaxes da serra de Ligonde, por algunha que outra corredoira baixo os carballos, as aldeas que conservan o seu encanto, as agras e prados e as fermosas carballeiras ao lonxe ou preto do camiño, non foi tan especular como a anterior, quizais polo propio recorrido tan paralelo á estrada, sempre áspera, sen sombra, ruidosa pero desta vez alegrándonos con toxos e carqueixas xa floridos e tamén alegrounos o saúdo interminable aos que coincidimos cunha enorme procesión de motoristas que ían en sentido contrario.

Un digno lugar para descansar foi antes de chegar a Ligonde onde se atopa o fermoso cruceiro de dobre cara do ano 1674 acompañado dun impresonante carballo centenario.

No camiño hai moitos albergues e servizos, pena que nos albergues privados teñan por costume negar ao peregrino a posibilidade de selar a súa credencial se non para ou consume como nos aconteceu no albergue de Lestedo.

Pese que o percorrido era ata Lestedo, tiñamos a oportunidade de continualo ata Palas de Rei como fixeron un bo número de persoas. Alí atopámonos todos na praza do pobo.

Tras unha pequena vista a Melide, no que andaban tamén os vilagarciáns da "Cantarela", chegamos ás 20.00 con normalidade.

martes, 30 de marzo de 2010

Camiño de Santiago-4ªEtapa: Portomarín-Palas de Rei

Esta etapa é para o día 11 de abril, desde a parroquial ás 8.00h.
Percorrido: 25km
Dificultade: Dúas subidas máis fortes, a de Castromaior e a serra de Ligonde(máis suave). Despois deste punto pequenos tobogáns non pronunciados, fáciles de levar.

Unha vez en Portomarín sen entrar no pobo e baixando hacia o río, temos que cruzar o Regueiro das Torres que se xunta co Miño por un paso metálico, seguindo os sinais, ascenderemos cara o monte de San Antón, e llanearemos a través de prados, castiñeiros, carballos e piñeirais, iremos en paralelo á estrada LU-633, pasaremos cerca da fábrica de cerámica, e máis adiante chegamos a Toxibo que ten casa e hórreo moi bonito (4,8km).Continuando igual ao lado da estrada, pero a vez separada dela por monte colleremos camiño para Gonzar, a primeira aldea que ten igrexa, a Sta María, albergue e bar(8km). Por unha pista subiremos ata Castromaior que ten igrexa románica de finais de XII e castro prerromano (9.3km).Teremos algunha subidiña antes de chegar á aldea de Hospital da Cruz(11.8).Cruzaremos a N-540 colleremos por unha pista paralela á C-535 e seguirmos por ela.
A próxima aldea será Ventas de Narón, con igrexa recentemente restaurada, ascenderemos en suave pendente ata onde se anuncia a "Sierra de Ligonde"(13.8km) a 722 de altura e descenderemos camiñando hacia Previsa, primeira aldea do concello de Monterroso, ata ese momento todo pertecía ao concello de Portomarín. A serra de Ligonde separa as concas fluviais do Miño e do Ulla.
Ó acadar o lugar de Lameiros con pazo e capela a San Marcos, estaría ben contemplar o fermoso cruceiro con dobre cara Cristo por un lado e polo outro a Virxe María(de 1670). Logo chegaremos axiña a Ligonde, con albergue e unha cruz o pé de camiño para recordar que foi antigo hospital e camposanto de peregrinos. A aldea seguinte é Airexe (17.4km) con igrexa a Santiago, albergue e bar que dan comidas, á saída ten fama as augas da fonte con lavadeiro.
Avanzaremos polo arcén ata Portos, xa do concello de Palas de Rei(19.4km) e poco máis aló temos o cruces para Vilar de Donas, e o de Lestedo que ten albergue.Seguimos adiante e subiremos Os Valos e baixaremos ata A Mamurria e A Brea (22km), deixando a pista marcharemos en paralelo pola estada N-457, paremos polas aldeas de Avenostre e O Rosario. Xa moi cerca de Palas, despois de andar 23,9 km atopamos a Área recreativa "Os Cachotes". Entraremos por Palas de Rei pola rúa do Cruceiro que conduce a igrexa de San Tirso.

lunes, 29 de marzo de 2010

Camiño de Santiago-3ªEtapa: Sarria-Portomarín



Unha xornada moi boa a de onte, na que o tempo acompañounos e fixo do recorrido uns momentos para disfrutar das fermosas paisaxes, os prados e as impresionantes carballeiras que por esta parte de Galicia son centenarias. Algo que destacar e moito que aprender é o respeto pola natureza: non atopemos os eucaliptos, si alguhna plantación de pinos pero de forma sostible e planificada. O que temos que aprender na costa!!!... Sentimos desde aquí a caída de Itocha que seguro estará estupenda (como sempre) para a próxima saída..

Tamén felicitar os autores do himno de "Cen pés" e a Manolo pola creación do logo e das camisetas e a Paco e Lelo polo seu traballo na organización...a todos eles grazas polas súas aportacións desinteresadas...

miércoles, 17 de marzo de 2010

Camiño de Santiago-3ª Etapa: Sarria-Portomarín

A próxima etapa queda para o domingo 28 de marzo ás 8.00 da mañá na igrexa parroquial coma é costume(non esquecer o cambio de hora).

O percorrido son 22.5 kms

Partiremos desde a rúa Maior, subindo, veremos o torreón que queda do antigo castelo e o mirador con cruceiro, ata o convento da Magdalena(gótico e renacentista). Baixaremos cara o río Celeiro e cruzaremos a "ponte Áspera"(s.XIII), seguiremos por un camiño rodeados de hortas e terras de labranza e arborado, cruzaremos a vías por un viaducto e salvaremos o regueiro dos Cervos por unha pasarela de madeira ata adentrarnos nun bosque onde se esconde o castro de Paredes e cruzaremos a aldea. Iremos por pista ata outra chamade Vilei onde hai unha área recreativa onde se pode tomar café e sellar a nosa credencial; volvendo ao camiño chegaremos a Barbadelo onde se pode contemplar a igrexia románica de Santiago e o albergue, seguiremos subindo ata Rente e Mercado da Serra, onde hai bar-tenda, neste punto deixaremos o asfalto e marcharemos por unha corredoira con carballos pasaremos diante unha fonte de Pelegrín cerca do muíño de Marzán, cruzaremos estrada LU-633 para pasar polos lugares Leiman e logo Peruscallo onde atoparemos hórreos retagulares e de aí marchar entre castaños e carballos por las aldeas de Cortiñas, Lavandeira e Brea, despois desta veremos o falso "mojón km100" e o verdadeiro todo asinado. Máis adiante entraremos en Morgade con bar e albergue(km 12).

Logo deixamos o concello de Sarria e pasamos ao de Paradela:en chegarmos a Ferreiros(albergue) e en Mirallos veremos a igrexa de Sta María que antes estaba en Ferreiros.
Collemos novamente a pista asfaltada para chegar as aldeas de A Pena, Couto, Rozas e por camiño Moimentos, tras deste virá Mercadoiro con albergue e bar despois de andar case 17 kms. Desde aí queda pasar polas aldeas de Moutras e Vilacha e acabar baixando a embalse de Belesar e xa Portomarín.

Será unha xornada con moitas subidas e baixadas que haberá que levar a modo.

lunes, 15 de marzo de 2010

Camiño de Santiago-2ª Etapa: Triacastela-Sarria

Chegamos cedo a Triacastela, démonos présa para tomar o café e antes das 10.30 botamos a andar nun día precioso polo camiño primitivo( non polo que vai a Samos) baixo un sol que acompañou todo o día para resarcirnos doutras rutas pasadas. Creo que saímos todos entusiasmados polo sol, polo verde dos labradíos e o sonido da auga nos regatos.

Pronto nos encontramos coas primeiras aldeas con moitas casas abandoadas, A Balsa e San Xil, coa súa ermita humilde pintada de branco ... tamén apareceron as primeiras granxas e bravíos dos gando que estarán presente como unha estela polo camiño....Aiii!!! cheiriños da terra.

Fomos subindo por corredoiras entre vellos e fermosos carballos ata o alto de Riocabo para logo ir adentrandonos no val de Sarria. Cruzamos varias aldeas máis Furela, Pitín, A Aguiada, San Pedro e Vigo. Xa desde Pitín vése ao lonxe Sarria..así cada vez máis cerca dando ánimos para seguir pateando, así ata chegar sobre entre ás 2 e 2.30. Espallamonos por Sarria para comer e logo visitala ata pasadas as 17.00 que marchamos.
Unha etapa digna de recordar polas carballeiras, a paisaxe e por verlle a cara a unha Galicia rural ..dicir que tamén hai defectos: sinalización que non estaría demais reforzar nalgúns lugares, os camiños que nalgunhas partes están moi enlamados e os servizos ao perigrino.
Definitivamente entre os galegos escasea o sentido estético e o olfato comercial...