domingo, 7 de noviembre de 2010

Entrimo

A próxima saída para o domingo 14 de novembro será a Entrimo.
A hora ven sendo a habitual ás 8.00 da mañá desde a igrexa parroquial.

Percorrido: 12 kms.
Dificultade: media-baixa

Corresponde esta ruta a unha que xa anularamos o ano pasado debido a neve polo que estaría ven levar roupa de abrigo e reposto, e coma sempre bo calzado.

Comeremos desta vez bacalao de aí que o prezo definitivo sexa 25 euros.

jueves, 4 de noviembre de 2010

Folgoso do Courel- Seoane

Aínda que tarde esta ruta ben merece un comentario.
Foi de día e medio: o sábado aproveitámolo en parar en Monforte e ver o colexio e pasear un pouco polo pobo para logo continuar viaxe o Folgoso onde nos repartimos polas habitacións do albergue, cenamos e o domingo fixemos a ruta.

É verdade que o tempo non acompañou o que desmereceu un pouco a paisaxe e a gama de cores do outono que non se podía distinguir con nitidez, perdíanse as tonalidades de verdes e ocres entre a bruma e o brillo da chuvia, a pesar de todos os inconvenientes a ruta foi preciosa e variada, con zonas máis altas nas que contemplabamos as montañas do redor e o río Lor ao lonxe, o mesmo que en outros momentos acompañaríanos moi cerca, houbo tamén tramos de soutos, carballeiras e ribeiras do río, e en todo o traiecto o solo de pizarra que aparecía desnuda, escintilante baixo a auga.

Sorprendeu ver unha Galicia tan pura con tanta riqueza, con tantos castiñeiros e noceiras que deixaban caer os seus froitos polos camiños e corredoiras e as maceiras tan cargadiñas... impresiona camiñar entre tanta variadade de árbores: biduieros, carballos, sobreiras, chopos, faias, piñeiros.. e de arbustos coma o breixo que ía derramando un intenso perfume o rozalos.
Está claro que nestes lugares vívese doutro xeito, a un ritmo máis lento, apegado os cambios de estación, aquí non hai estrés, a xente vive relaxada..unha pena que as aldeas do Courel vaian quedando deshabitadas.

Unha mención especial merece o bar que atopamos pechado "O Pontón" que está en Ferreirós, na mitade do camiño entre Folgoso e Seoane, é un lugar agradable e unha obra de artesanía feita en madeira na que cada cadeira e obxecto é unha peza singular e irrepetible.

A serra de Courel segue sendo un lugar para volver pero mellor con bo tempo.

viernes, 8 de octubre de 2010

Folgoso do Courel - Seoane

A próxima saída é para os días 23 e 24 de outubro. Sairemos o sábado 23 ás 15.00 desde a igrexa parroquial e regresaremos o día seguinte pola tarde noite.
A ruta farémola o domingo 24 desde o Folgoso para chegar a Seoane, así evitaremos unha forte pendiente que será de baixada cara ao río desde a estrada que vai a Seoane.
Percorrido: lineal
Distancia: 12 kms.
Dificultade: media.
Ao principio hai uns 50 ou 100 m. por unha senda estreita con terreo irregular polo que recoméndase levar unhas boas botas. No primeiro tramo bordearemos o monte Traspando e teremos unhas vistas panorámicas do río Lor que discorre máis abaixo e que corre paralelo a nosa ruta e a estrada hacia Seoane. Cando levemos sobre 3kms pasaremos entre os castros de Fouciños e o castro Foz no lugar da Albardaia. Máis adiante veremos unha canle de pizarra, típica construción desta zona que trasvasa a auga dun lado a outro do río para regar os campos, e a ponte Porto que cruza o Lor e chega ata a aldea de Sobredo. Seguindo o camiño pasaremos por unha zona chamada Airiña con montóns de pedras, produto dunha antiga mina de orixe romana, e un treito máis alá, por diante das fontes de Cabanelas e do desvío que leva a ponte de As Arandaínas. Ao chegar o souto de castiñeiros de Os Pedrozos, queda pouco para cruzar o río Ferreirós e a estrada a Seoane e chegarmos a un mesón o lado do río, onde faremos unha paradiña porque é unha auténtica obra de artesanía e un lugar moi acolledor que merece ser visitado. Este sitio é un punto de partida para outras rutas a que leva a Ferreirós de Arriba, a Devesa de Rogueira, a Sobredo, etc...
Cruzaremos a aldea de Ferreirós de Abaixo e regato de Paradela, que ten ao lado a antiga mina de ferro, mineral que se fundía nas ferrerías da aldea. Cando queden máis ou menos 3 kms, contemplaremos o castro Megoxe na ribeira ezquerda do Lor e a Pena do Escribano, onde nos atoparemos un auténtico moradoiro natural, con unha caída de 200 m. sobre o río. O último tramo será atravesar dous bosques de castiñeiros centenarios, chamados o souto de Ferrería Vella e o souto de Vales cruzar novamente unha ponte sobre o río Lor e despois sobre o Moreda e chegar a Ferrería Nova.
A durmida, cena, almorzo e xantar será no albergue do Folgoso do Caurel. O prezo son 40 euros incluído o autobús.
Espéranos unha ruta inolvidable, e máis nesta época do ano.
Importante: levar saco de durmir.

miércoles, 6 de octubre de 2010

Tordoia:sendeiro Santaia-Cabaleiros


A chuvia que empeñouse en acompañarnos en todo o momento, fixo desmerecer a senda por Tordoia que a pesar de todo tivo puntos de interés: o dolmen dos Cabaleiros, e o recorrido en torno o río Pontepedra, pero por aquí pasan outros, o Lengüelle o Tambre, porque ésta zona está bañada por todos eles e aquí nace tamén o Dubra. Un concello con múltiples pistas polas que calquera pódese desorientar con facilidade sobre todo nun día de intensa choiva coma ocurreunos a nós. De aí que o recorrido acortouse e deixamos de ver o cruceiro de Arcai e non chegasemos ve o encoro de Vilagundín. Pero os que quixemos vimos a igrexa de San Estevo. A senda que seguimos foi o PR-89.
Pero todo pesar ten a súa recompensa, e trala molladura cambiarnos de roupa e xa secos, comemos nun lugar estupendo no centro mismo de Tordoia. Zona, restaurante e menú para repetir noutra ocasión con mellor tempo.

martes, 21 de septiembre de 2010

Tordoia:sendeiro Santaia- Cabaleiros

O domingo 3 de outubro sairemos ás 8 da mañá desde a praza de España, igrexia parroquial, para camiñar por unha paisaxe sen grandes desniveis, unha ruta coma a anterior, para ir entrenándonos xa que vimos do descanso estival. A ruta será:

Percorrido: circular.

Distancia: 12 kms.

Dificultade: baixa.

Partiremos de Pontepedra para ir recorrendo un entorno privilixiado. Atoparemos rodeada de bosque a Pedra Longa, pena de grandes proporcións, e máis adiante a ribeira do río Pontevedra ata chegar cerca do encoro de Vilagundín, zona con fauna protexida e de importancia ornitolóxica. A ruta pasa tamén por Arcai, en Gorgullos, onde encontraremos o seu cruceiro e xunto a el un pequeno altar sostido por dous pés, feitos probablemente con antigas aras galaico-romanas e a sinxela igrexia de Santa Susana. En Santivedra teremos unha desviación que nos levará ao ermida e cruceiro de San Estevo onde podremos ver un pozo de auga con teito. Máis adiante temos outra desviación que ascende polo monte Pedroso e poderemos ver o Dolmen dos Cabaleiros. A así chegarmos novamente a Pontepedra, lugar onde comeremos.

lunes, 13 de septiembre de 2010

Laxe- Arou


Esta primeira saída foi unha xornada que serviu para reencontrar á maioría dos amigos, non todos porque notáronse algunhas ausencias.

Foi unha saída refrescante, revitalizante nun día agradable para camiñar. Atopamos un mar, tan diferente aquí, bravo, espumoso, coas ondas achegándose a praia ou chocando nas penas... non deixan de sorprender tanta marabilla, as formas das rochas, os depósitos de coios nas praias, redondos, perfectamente traballados en contraposición coa area branca, lisa, suave que acariña cando escapa das mans...esas praias interminables... a lagoa limpa e tranquila...ese olor intenso a salitre, a mar.. e o son do mar e do vento sempre presentes. Vívese aquí máis que nunca con todos os sentidos.

Nestes lugares todo ten o seu encanto os pobos pequenos, as barcos nos muelles, as esculturas de Man en Camelle ata os recientes paseos marítimos..Laxe, Traba, Camelle, Arou... Foi unha pena marchar, acabar o recorrido e deixar a praia de Arou, pero déixanos esta costa un inesquecible recordo e inmensas gañas de volver.

miércoles, 1 de septiembre de 2010

Laxe-Camelle: Domingo 12 de setembro

Tralo parón do verán iniciamos a tempada 2010-2011 o 12 de setembro ás 8.00 diante da igrexa parroquial cunha fermosa ruta costeira: desde o pobo de Laxe ata o de Camelle.
O percorrido é lineal e todo pola costa cunhas vistas impresionantes, pasaremos por praias e cerquiña da Lagoa de Traba, na que se pode contemplar unha enorme diversidade de aves, ata chegar a Camelle, aínda que se temos tempo podemos continuar ata a praia seguinte(Arou) e rematar cun baño antes de marchar a xantar nun restaurante a 4 kms de Vimianzo xa coñecido por nós noutras saídas.

Percorrido: lineal.
Distancia: en torno os 12 ou 13km.
Dificultade: fácil.
Recomendación: se está bo tempo, podedes levar bañador para darnos un chapuzón. Calzado cómodo, non require un calzado pesado.

O prazo de inscrición ábrese o xoves 2 de setembro, o prezo da saída vale 22 euros e inclúe coma sempre transporte, comida e boa compaña.
Seguramente teremos un día estupendo para reencontrarnos, disfrutar da paisaxe e botar a andar que xa ven sendo tempo.